O BNG organiza na Eurocámara unha conferencia sobre o impacto da eólica mariña na pesca

Ana Miranda no Parlamento Europeo

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, organiza en Bruxelas a conferencia “Sobre eólica mariña: cara un novo fracaso ambiental?”, que se celebrará o vindeiro 24 de maio na Eurocámara. Na xornada de traballo abordaranse as consecuencias que terá a eólica mariña sobre a pesca. “En Galiza o noso sector pesqueiro xógase a súa pervivencia e o seu futuro, pero tamén vemos como noutros territorios o seu impacto tamén é moi negativo e queremos analizalo en profundidade”, salienta Miranda.

Así, na conferencia participará un nutrido grupo de representantes do sector pesqueiro, no que destacan o presidente da Federación Española de Confrarías de Pescadores, o galego Basilio Otero; o voceiro da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, Torcuato Teixeira; o representante de CIG Mar, Xavier Aboi; o presidente da Confraría da Guarda, Rubén Adrover; o presidente da Confraría de Cangas, Francisco Javier Costa; así como a presidenta e a secretaria da Confraría de Cedeira, María Magdalena López e María Rodríguez, respectivamente. 

Ademais, a xornada de traballo tamén contará co representante dos sindicatos de pesca de Portugal, Nuno Filipe Moreira, así como o representante de ADEGA  Fins Eirexas, e os deputados do Bloque no Parlamento Galego, Rosana Pérez e Ramón Fernández.