O BNG pide unha reorganización no sistema de quendas das farmacias de garda que evite longos desprazamentos
O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, vén de rexistrar varias iniciativas no Parlamento galego nas que insta ao Goberno galego a realizar todas as xestións pertinentes co colexio oficial de farmacéuticos e farmacéuticas da Coruña, para conseguir un novo sistema de organización das quendas de garda nas comarcas de Fisterra e Soneira que evite longos desprazamentos aos usuarios das farmacias.
Os nacionalistas explicaron que as farmacias incluídas nas quendas de garda de cada área de referencia deben estar situadas a menos de 15 quilómetros do PAC - Punto de Atención Continuada - ou a menos de 15 minutos del, empregando para este desprazamento as vías e medios de transporte existentes en cada momento, e tomando como referencia válida a cifra menor de ambas as dúas.
Tendo en conta que existe un PAC en Cee e outro en Vimianzo, hai farmacias situadas nos concellos de Fisterra, Muxía ou Zas que non quedan obrigadas a realizar as gardas, mais existen outras situadas no límite da distancia máxima, que si deben cubrilas. “Isto xera situacións que provocan ducias de queixas entre a veciñanza, dándose nalgún momento a casuística concreta de ter que recorrer quince quilómetros para ir ao PAC, e outros quince para ir á farmacia, ademais de trinta para volver a casa; e só para mercar os medicamentos prescritos e que non poden esperar ao día seguinte”, indicou o BNG.
A formación nacionalista pon o exemplo dunha persoa que reside en Muxía, que vai ao PAC a Cee e ten que ir á farmacia do Pindo, e logo volver a casa. “Se este percorrido o ten que facer conducindo o vehículo o mesmo doente que acude ao PAC, a situación faise complicada, e cando menos incómodo, e xa non digamos quen carece de vehículo e ten que acudir nun taxi, e asumir dobre custo pola viaxe”, subliñou.
Desde o BNG sinalaron que son numerosas as queixas que recibiron dos veciños e veciñas da comarca que se atopan con estas situacións en determinados días da semana, como apuntaron a semana pasada os concelleiros nacionalista de Cee, e que demandan un sistema de gardas nas farmacias que evite realizar estes longos desprazamentos cando acoden ao PAC ou a urxencias.
“Dado o número de farmacias existentes nos núcleos urbanos dos concellos onde están situados os PAC, sería desexable que foran estas as encargadas de realizar as quendas de garda, sen prexuízo de que os colexios farmacéuticos propoñan outra solución mellor”, declarou o deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua.