O BNG pide reforzos médicos nos "colapsados" centros de saúde da comarca

Centro de Saude de Camariñas

O BNG da Costa da Morte vén de pedir reforzos médicos nos centros de saúde que se atopan colapsados na comarca. Os nacionalistan indicaron que “aínda non estamos no pico da gripe e algúns centros de atención primaria da bisbarra están colapsados”.  

É o caso de Vimianzo, que están dando citas para o 2 de xaneiro; de Cee, para o día 7; ou de Camariñas, para o 9 de xaneiro.  “Unha demora de case vinte días no caso de Camariñas, por causas que descoñecemos, pero que en todo caso son inxustificábeis, e que debe ser solucionado de forma inmediata”, indicou o BNG, que subliñou que “esta situación provoca que os doentes teñan que desprazarse a outros centros como o PAC ou as urxencias, e que acaben conxestionadas e saturadas”.

Desde a formación nacionalista esixiron á Xunta de Galiza que reforce o personal médico nestes centros durante o nadal, “porque todos os anos pasa o mesmo, e as zonas rurais sempre somos as máis prexudicadas”. 

O responsable comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez, declarou que “desde a Xunta nunca fan previsión, sabendo que sempre nos atopamos con esta situación nesta época; a xente está desesperada cando colle unha cita, e por enriba non hai ninguén para dar unha explicación”.

O voceiro nacionalista afirmou que “hai que reforzar con máis médicos estes centros, e canto antes, pois non é normal que teñas que esperar 19 días para ir ao médico, agravando na maioría das veces as doenzas”.