Carballo, Coristanco e Santa Comba únense nunha marcha reivindicativa na defensa do rural

Este venres 12 de outubro, veciños dos concellos afectados polos proxectos eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural sairán á rúa. Despois de varias reunións informativas, a Plataforma veciñal constituída considera que xa é o momento de levar a rúa a loita pola información veraz e contraria a implantación deste megaproxecto.

A cita será unha andaina reivindicativa, que contará coa colaboración da Asociación ambiental Senda Nova. A saída será ás 10:00h dende Vilela de Entrecruces (Carballo), un dos núcleos de poboación afectados polos eólicos e onde algunha das vivendas está situada a uns 400 metros dalgún dos aeroxeradores, por debaixo dos 500 m que marca o plan eólico de Galicia.

A marcha percorrerá parte do territorio que pretenden ocupar os parques eólicos previstos na zona. Deste xeito, o traxecto inclúe moita natureza e poboacións como a da Abelenda – no concello de Coristanco - xa castigada polo parque eólico do Castelo. O núcleo de Mira (Coristanco) e finalmente Castriz – no concello de Santa Comba – onde finalizará a andaina xusto a carón da súa fervenza ao redor as 13h00. Neste lugar, un dos espazos naturais máis significativos do concello de Santa Comba e nas proximidades do cal está prevista a instalación de dous aeroxeradores de 180 metros de altura está prevista a lectura dun manifesto no que se reflitirán as razóns polas que se consideran que estes proxectos terían un impacto negativo tanto a nivel medioambiental como económico e, por suposto, para a saúde dos habitantes da zona.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/o-pleno-de-coristanco-non-quixo-debatir-unha-mocion-dos-vecinos-afectados-polos-eolicos/ https://quepasanacosta.gal/carballo-tamen-se-une-dende-entrecuces-a-loita-contra-os-eolicos/ https://quepasanacosta.gal/a-loita-vecinal-contra-os-eolicos-de-bergantinos-e-xallas-colle-forza/