Carballo, Protección Civil e ti, “dades o tipo” en clave de doazón

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) promove esta semana, en colaboración co Concello e Protección Civil de Carballo, a campaña “Ti das o tipo”, que ten o obxectivo de garantir a labor dos hospitais galegos, precisados de 10.000 doazóns mensuais. As persoas maiores de 18 anos que desexen participar poden acudir á unidade móbil que estará situada na Praza do Concello de Carballo o xoves 3 e venres 4 de agosto, de 10.00 a 14.00 horas, e de 16.00 a 21.00; e o sábado 5 de agosto, de 10.00 a 15.00. Ademais, Protección Civil distribuirá folletos informativos a pé da unidade móbil de ADOS e emitirán avisos pola megafonía das praias do municipio para incentivar a participación.

En 2016 os veciños carballeses fixeron 1.423 doazóns de sangue, cifra que representa un índice de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cinco puntos por riba da media galega, e que se atopa dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde. “Das case 3.000 doazóns que obtivemos o ano pasado na comarca de Bergantinos, case 1.500 son do Concello de Carballo, onde se rexistraron, ademais, 82 novos doadores, que é unha boa cifra que reflicte a boa saúde da doazón no concello de Carballo”, destacou.

“Esta campaña especial”, explicou Javier Souto de Protección Civil, “céntrase, pola nosa parte, en colaborar a título informativo desde os postos sanitarios que temos nas praias, ademais de repartir folletos e mesmo con cuñas publicitarias na megafonía das nosas praias: Razo, Baldaio, Saíñas e Pedra do Sal, onde temos cinco postos sanitarios”. “Nestes postos só facemos atención de primeiros auxilios, pero esta doazón é para que os centros hospitalarios a onde remitimos nós os accidentados poidan ter un banco de sangue que lle poida facilitar a súa labor”.

Fonte

  • Concello Carballo.