Cee e Camariñas preparan as campañas do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

Alumnado do IES Pedra da Aguia nos obradoiros de prevención da violencia de xénero

Os Concellos de Cee e Camariñas súmanse outro ano máis á campaña de denuncia e sensibilización social contra a violencia de xénero “En Negro contra as Violencias”, campaña que se desenvolverá do 18 ao 25 de novembro conxuntamente con outros Concellos e deputacións. O obxectivo é tinxir de negro todos o municipios a través dos escaparates dos comercios, dos manequíns, da roupa de traballo… coa cartelería aportada polo Concello.

En Cee

En Cee, o día 25 de novembro celebrarase unha concentración no auditorio Baldomero Cores, na que se realizará a lectura da Declaración Institucional contra a violencia de xénero por parte do Concello. Tamén leerán o seu manifesto o alumnado dos  centros educativos do Concello, así como APEM e ASPADEX.  Ademáis, realizarán durante o mes de decembro representacións teatrais para concienciar aos máis novos dos colexios do Concello.

En Camariñas

Pola súa parte, o Concello de Camariñas está a levar a cabo uns obradoiros de prevención da violencia de xénero co alumnado de 3º e 4º da ESO do I.E.S Pedra da Aguia de Ponte do Porto.  Realizarán 3 sesións con cada grupo de 3º e 4º da ESO no IES Pedra da Aguia de Ponte do Porto, onde están a traballar por aulas, en grupos reducidos para que o impacto sexa mais efectivo.

O traballo preventivo ten por obxectivo facer consciente a mocidade de moitos comportamentos discriminatorios que teñen normalizados a causa da sociedade patriarcal na que estamos socializados para promover un cambio de mentalidades e conseguir unhas relacións igualitarias, solidarias, respectuosas, tolerantes, comprensivas e críticas que promovan, por si mesmas, a erradicación desde violencia específica que sofren as mulleres polo simple feito de selo.