Tres certames de fotografía para este outono

Monste Canosa, da Fedanpas, cos concelleiros de Fisterra teresa Fdez e Kuka Sar, presentando o Certame Imaxes pola Igualdade

Comezaron esta semana tres certames de fotografía singulares pola zona. A igualdade, o mar e o medioambiente son as súas temáticas.

I Certame de imaxes pola igualdade da FEDANPAS

A Federación de ANPAS Coruña-Costa da Morte vén de presentar, xunto cos Concellos de Carballo, Fisterra e Zas, coa colaboración da Xunta e do Goberno, o I Certame de Imaxes pola Igualdade”. Pódense presentar debuxos, fotografías e murais, co obxectivo de que o alumnado dos centros de Educación Primaria e Secundaria plasmen nunha imaxe como ven a igualdade en calquera ámbito da vida e promovan á reflexión.

A data límite de envío será o 1 de abril de 2020 (Día das Artes Galegas). Teñen toda a información en www.fedanpas.gal e no correo fedanpas@gmail.com.

II Concurso de Fotografía Mariñeira de Carnota

Aberto tamén está o prazo do II Concurso de Fotografía Mariñeira que organiza o Concello de Carnota. Esta actividade está enmarcada dentro da II Mostra Mares da Fin do Mundo que terá lugar os días 29, 30 de novembro e 1 de decembro na Lonxa Vella de Lira, Carnota. Un evento que ten como finalidade amosar e por en valor o patrimonio natural, etnográfico e cultural do municipio a través da fotografía relacionada co mar.

O prazo de inscrición remata o 31 de outubro de 2019,e podedes ver máis información e bases do concurso en www.carnota.gal.

Imaxes polo Clima, dende a Coruña

Un grupo de alumnos de 2º de bacharelato do Colexio Internacional Eirís, da Coruña, están organizando un proxecto polo medio ambiente. Este ten varias partes, pero a primeira é un concurso de fotografía. ”Hazlo tú mismo” é un proxecto que trata de concienciar sobre o cambio climático e demais problemas medioambientais, a base de organizar actividades coas que buscamos que a xente se involucre.

A primeira delas é un concurso de fotografía coa temática da contaminación do medio ambiente. Ten como data límite o venres 18 de outubro e a entrega de premios celebrarase o sábado 9 de novembro no Centro Comercial dos Rosais, A Coruña. Os tres mellores de cada unha das dúas categorías, que dividen aos participantes por idade, serán premiados cun lote de conservas locais, patrocinado por Gadis, e cun diploma que o acredite. Ademais, o día da entrega de premios, tamén se expondrán as 25 mellores fotos de todo o concurso.

As condicións e demais información están disponibles no blog hazlotumismo2019.wixsite.com/.