A CMAT aumenta o seu orzamento

ASEMBLEA CMAT 2026 (1)

 

 

A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) celebrou este luns 23 de marzo a súa Asemblea Xeral Ordinaria na Casa da Cultura de Vimianzo, na que se aprobaron as contas correspondentes ao exercicio 2025 e se deu luz verde ao plan de acción para 2026.

Despois do repaso das actividades do ano pasado, un dos puntos centrais da asemblea foi a presentación do plan de acción para 2026, que destaca por ser máis amplo e ambicioso que en anos anteriores. Este salto cualitativo é posible grazas ao incremento dos fondos propios da asociación, que permitirá á entidade contar cun maior músculo financeiro. Este reforzo
tradúcese na posibilidade de impulsar proxectos de maior orzamento, así como de concorrer a convocatorias doutras administracións públicas que esixen cofinanciamento, abrindo novas oportunidades para o desenvolvemento turístico do territorio.

Así, entre as cotas dos asociados, a subvención anual da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, e outras convocatorias de axudas, ás que se está a concorrer e que están pendente de resolución, o orzamento da CMAT para este ano 2026 chega aos 260.000 €.

As liñas estratéxicas

Neste contexto, a CMAT continuará traballando en liñas estratéxicas centradas na promoción, a desestacionalización, a posta en valor dos recursos locais e a mellora da competitividade do destino.
Ademais, durante a asemblea avanzáronse algunhas das accións previstas para os vindeiros meses, entre as que destaca a organización da Semana do Turismo da Costa da Morte, que se celebrará coincidindo co VI evento anual do sector, converténdose nun novo espazo de encontro e promoción para os profesionais e o territorio.

Tamén se deu conta da próxima implementación dun novidoso proxecto educativo, a desenvolver en todos os centros de educación primaria do territorio, no que se dará a coñecer entre os mais novos o territorio da Costa da Morte como un conxunto.


A Xunta directiva da CMAT, que se renovará no ano 2027, actualmente está conformada por José Manuel López (A Laracha) como presidente, Margarita Lamela (Cee) como vicepresidenta, Francisco Javier Domínguez (Corcubión) como secretario e Sandra Vilela (Muxía) como tesoureira; xunto cos treis vogais: María Lema (Dumbría), Pepe Formoso (APTCM) e Damián Álvarez (APTCM).

Máis novas