Da Costa a Italia cun proxecto europeo Erasmus+
Unha comitiva galega de técnicos do Desenvolvemento Local participa estes días en Siracusa (Italia) no encontro inicial do proxecto europeo LDA-NEXT – Empowering Local Development Agents for a Cohesive Europe, unha iniciativa financiada polo programa Erasmus+ que conta cun orzamento total de 60.000 euros.
O proxecto ten como obxectivo reforzar o papel dos profesionais do desenvolvemento local e das axencias de desenvolvemento en zonas remotas e rurais de Europa, recoñecendo a súa importancia para impulsar o crecemento económico, a cohesión social e a sustentabilidade territorial.
A iniciativa está coordinada pola entidade italiana ISPAL e conta coa participación das organizacións LIMEUP (Italia) , INDA Iniciativas (España) e a Asociación de Profesionais de Desenvolvemento Local de Galicia (AFIPRODEL).
O encontro que se celebra do 10 ao 12 de marzo en Siracusa reúne a representantes das entidades socias para poñer en marcha as primeiras actividades do proxecto e definir a súa folla de ruta para os próximos dous anos.
AFIPRODEL GALICIA estará representada neste encontro internacional por:
- María Dolores Pena Pena, presidenta e técnica de DL en Carnota
- Rosa María Sánchez Martínez, secretaria e técnica de DL en Vimianzo
- María Cristina Pereira Ulla, vocal e técnica de Formación en Santa Comba
- Anabel Piñeiro Agulleiro, vocal e técnica de Administración en Muxía
- Pedro Firvida, técnico de Emprego e Desenvolvemento Local na Mancomunidade de Vigo
- María Nieves Lema Vilariño, técnica de Cultura en Vimianzo
Ademais, a delegación galega estará integrada por representantes da empresa INDA, xerenciada por Roxana Topciov, experta en proxectos europeos.
Desenvolvemento local e cooperación europea
O proxecto parte da idea de que o desenvolvemento local é clave para afrontar os retos dos territorios rurais, como o despoboamento, a falta de oportunidades ou as desigualdades territoriais. Neste contexto, os axentes de desenvolvemento local desempeñan un papel fundamental ao traballar con administracións públicas, empresas e cidadanía para impulsar iniciativas económicas, sociais e culturais.
Entre os principais obxectivos de LDA-NEXT destacan:
- Identificar boas prácticas de desenvolvemento local en diferentes territorios europeos.
- Elaborar un marco de competencias profesionais para os axentes de desenvolvemento local.
- Crear unha Rede Europea de Axencias de Desenvolvemento Local que facilite o intercambio de coñecemento e experiencias.
- Impulsar o recoñecemento institucional destes profesionais por parte das administracións públicas.
Participación desde Galicia
A participación de profesionais galegos nesta iniciativa permitirá compartir a experiencia acumulada no ámbito do desenvolvemento local en Galicia, onde a figura do axente de desenvolvemento local está amplamente implantada nos municipios e xoga un papel clave na dinamización do territorio.
Ao mesmo tempo, o proxecto facilitará o intercambio de coñecementos con outras rexións europeas, especialmente con Italia, contribuíndo a mellorar as estratexias de desenvolvemento rural e fortalecer a cooperación entre territorios.
O proxecto LDA-NEXT desenvolverase entre 2025 e 2027, con diferentes encontros internacionais e actividades de investigación, formación e difusión destinadas a reforzar o impacto do desenvolvemento local nas comunidades rurais europeas.