Denuncian a eliminación praza Audición e Linguaxe colexios Coristanco

Nas últimas semanas a comunidade educativa de dous colexios de Coristanco, o Bormoio-Agualada e o Xosé Pichel, mostrou a súa indignación ante a eliminación das prazas definitivas de mestre en Audición e Linguaxe (unha praza definitiva en cada centro), e a súa preocupación pola situación na que queda o alumnado con necesidades máis que xustificadas nesta área. Non é a primeira denuncia con estas características na Costa, ademais, pois xa o denunciaron na Ponte do Porto, en Laxe e mais en Carballo.

Desde a Concellaría de Cultura, Educación e Turismo do Concello coristanqués, informan que xa tiveron contacto directo e xuntanzas non só cos directores dos respectivos centros, senón tamén coas ANPAS e coas nais e pais afectados de nenos e nenas afectados directamente. A posición de toda a comunidade educativa (concellaría, anpas e centros) é unánime: “non podemos consentir outro recorte máis na educación do noso concello, recorte que neste caso afecta a alumnado con necesidades específicas e para o que a prensenza dos mestres e mestras de Audición e Linguaxe resulta vital”.

Desde esta concellaría teñen enviado o pasado 8 de xullo, por rexistro, escrito á Xefatura Provincial de Educación e á Dirección Xeral de Centros, denunciando esta situación e reclamando non só o mantemento destas prazas de Audición e Linguaxe senón tamén que se cubra a praza de Pedagoxía Terapéutica eliminada o pasado curso no Xosé Pichel. De non obter respostas nos vindeiros días, solicitarán entrevista co Xefe Territorial de Educación de cara a defender os intereses do alumnado do noso concello.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).