Un Día especial para superar esta corentena co Trastorno do Espectro Autista

Unha marea de actividades na casa para manter activos os nen@s con TEA

Este 2 de abril celébrase o Día Internacional do Autismo. Unha data que nos serve para concienciar da importancia de seguir loitando para coidar a toda esa rapazada que sofre un trastorno do espectro autista (TEA) e que esta corentena está sufrindo máis da conta. De aí que entendamos e respectemos a esas familias que poden sacar, un pouquiño, a eses nenos e nenos a respirar aire fresco e poder saír do encerro das catro paredes. Así o entendeu o goberno despois de dúas duras semanas sen poder saír.

Unha veciña da comarca recoñece que hai xente que os mira mal polas fiestra, pero en xeral a xente entende a situación. “O pequeno fai moita terapia en casa, pero nótase o poder saír 3 días a semana, despois de estar dúas semanas sen facelo”, explícanos a nai de Simón, que nos conta como levan este confinamento.

“Grazas ás súas terapeutas do Centro Impulso de Cee estámolo levando mellor pero é duro, para calquera neno, e máis neles que lles custa expresarse. Son nenos cun pensamento moi ríxido e controlan moi ben os días e as horas. Si sae un martes ás 12:00, pensará que o seguinte martes poderá saír, así que para que non seguimos ningunha regra nas saídas, facémolo de forma aleatoria. Paseamos polo bosque que hai á beira de casa, sen tocar paredes nin fiestras nin portas para que non necesitemos estar limpando e ao chegar a casa cambiámonos e lavámonos moi ben as mans”.

Piscinas de bolas orbis (que se inchan) para favorecer a estimulación sensorial, circuitos de carreiras, un columpio, xogos ata con espuma de afeitar… son algunhas das actividades que inventan para que as criaturas estean mellor.

#Desdemiventana

Para iso, comparte esta campaña que nace en Aragón, para visibilizar e apoiar a realidade TEA dende as nosas fiestras, poñendo un anaco de tela azul ou un molinillo.

A vida cun cativo con autismo nun piso

Outro pai de familia cóntanos o día a día esta corentena:

”Pois intentamos manter unhas rutinas, que estes nenos o agradecen moito. Erguerse á hora de sempre, almorzar, xogar un ratiño, facer actividades específicas para traballar as carencias que teñen nenos coma el, ir a coller o pan (a única saída que facemos en todo o día), xogar un rato na terraza se o tempo o permite, comer, bañarse... En fin, temos o día estruturado para intentar non caer no desleixo de estar tirados en casa sen facer nada”.

  • QPC: É necesario saír da casa?

”Home, o noso cativo ten catro anos e é moi tranquilo, pero a rutina de ir a polo pan axúdao a interactuar con outra xente e cambiar de ambiente, que é esencial con eles.

  • QPC: Como se notou o cambio de ir ao cole a estar metido en casa?

Para nós o cambio de vida foi tremendo. De traballar os dous e os nenos ir a gardería e cole, pasamos a estar os catro metidos en casa todo o día. Ao principio o levaban ben, pero xa se lles va notando que están máis caprichosos, protestan máis cando pretendes facer algunha cousa que non sexa o que lles gusta... Co maior, o que ten TEA, tiñamos terapia tres días á semana e ía moi contento a “traballar”, ademais de ter reforzo no cole. Agora, cando intentamos facer un pouquiño do que facían con el, pásase todo o tempo queixándose. Estase empezando a acomodar e iso a verdade é que nos preocupa bastante”.

  • Como vos vedes de aquí a uns días ou semanas?

Preferimos non pensalo. Considerámonos afortunados por poder gozar dunha terraza ampla e dun tempo suficientemente bo como para que os nenos xoguen aí. Esperemos que poidamos manter a rutina que temos por agora e, sobre todo o noso fillo autista, sigan mantendo horarios e non nolo poñan moi difícil. Moito ánimo para toda a xente que ten nenos máis movidos ou que están en sitios pouco acondicionados. Sairemos desta”.