Eustaquio xa percorre a Costa da Morte no seu videoxogo

Xa podedes pinchar en xogo.costa-da-morte.com e ir navegando pola Costa da Morte en modo arcade. O novo videoxogo da Costa da Morte xa está en liña, trala presentación realizada este martes en Carballo da man da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM). 

A entidade agradeceu o compromiso de Martín Caamaño, socio da entidade, veciño de Vimianzo, informático de profesión e creador da marca Costa da Morte Death Coast. Martín quixo poñer o seu talento e coñecemento ao servizo do territorio mediante un traballo totalmente altruísta, creando unha ferramenta innovadora para promocionar e divulgar a Costa da Morte.

Martín Caamaño e a súa pequena con Pepe Formoso e Xosé Regueira

Martín explicou que a historia nace dunha chamada dun amigo que lle invitou a crear o xogo, que non tería sido posible sen a colaboración da súa filla Mía, que fixo de auténtica betatester. Foi no evento Pontefriki (marzo de 2026) cando saíu da casa por primeira vez e a xente quedou encantada. Foi aí cando APTCM invitouno a ofrecerllo á toda a comarca.

Tras un importante labor de documentación e asesoramento, o videoxogo percorre os 17 concellos da Costa da Morte e moitos dos seus lugares máis emblemáticos, permitindo ao xogador interactuar con lendas, patrimonio, ferramentas tradicionais, personaxes e historias vencelladas á nosa identidade.

O protagonista da aventura é Eustaquio, personaxe inspirado na imaxe da marca Costa da Morte Death Coast, quen deberá superar múltiples obstáculos e desafíos para conseguir rescatar á princesa Mía.

A estética do videoxogo está inspirada nos clásicos arcade, cun marcado estilo retro e pixel art que rende homenaxe aos videoxogos das décadas pasadas.