"Os Fogóns do Anllóns"; un paquete turístico con identidade e con calidade

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, presentou onte en Espazo Nature o portal https://fogonsdoanllons.com, unha nova plataforma dixital enmarcada no proxecto “Creación de produtos turísticos  paquetizables vinculados coa gastronomía” do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Os Fogóns do Anllóns, financiado co Plan de Recuperación,  Transformación e Resiliencia (PRTR) - Next Generation EU. Esta iniciativa ten como obxectivo a paquetización de produtos turísticos vinculados coa gastronomía reunindo, nun só espazo, produtos e experiencias turísticas do territorio polo que conflúe o río Anllóns na comarca de Bergantiños, poñendo o foco na sostibilidade, a autenticidade e o desenvolvemento local, que se poden reservar durante todo o ano, e que inclúe rutas mariñeiras, estadías rurais ou  visitas a produtores locais.

Regueira destacou a importancia de que o turismo “xere negocio” e, tal e como explicou, “iso pasa por crear produtos de calidade como este”, nun acto no que o acompañaron representantes dos concellos implicados no Plan (Coristanco, A Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo e Ponteceso) e do sector empresarial da comarca. Neste sentido, o vicepresidente tamén puxo en valor a colaboración público – privada deste plan, “fundamental para continuar avanzando nun turismo de calidade e rendible”.

“O turismo non é so unha foto bonita; o turismo é un negocio que se materializa ofrecendo un paquete, unha experiencia turistica nun perfil onde a xente compra, como é este portal que hoxe presentamos. Esa é a rendibilidade económica para as empresas que estades apostando polo territorio e deste proxecto, co que buscamos para xerar emprego e oportunidades no territorio, e que acolla ao mellor turismo posible, responsable, e coa suficiente calidade para que sexa capaz de valorar o que estamos ofrecendo” engadiu o vicepresidente.

Turismo con identidade

“Os Fogóns do Anllóns” pon en valor a riqueza gastronómica do territorio a través de produtos cun forte arraigamento local, como o berberecho do Anllóns, o percebe do Roncudo, o pan de Carballo ou as patacas de Coristanco. A esta oferta súmanse as paisaxes, o patrimonio etnográfico e a cultura mariñeira dos municipios que integran a zona, o que lle outorga ao destino unhas características singulares e diferenciadas dentro da oferta turística galega. As experiencias foron deseñadas tras unha análise previa do territorio e un proceso de participación  social con empresas locais, as cales achegaron o seu coñecemento e experiencias, adaptándose aos novos hábitos de consumo do visitante e contribuíndo a diversificar a oferta turística.

Un modelo sostible e conectado

A plataforma https://fogonsdoanllons.com facilita a reserva directa, permitindo ao turista planificar estadías máis  longas e combinar distintas actividades en contacto coa contorna. Con iso, búscase  captar un perfil de visitante que valore a calidade, a sostibilidade e a conexión coa  comunidade local. “Os Fogóns do Anllóns” supón un importante paso cara a unha aposta estratéxica por un  turismo con impacto positivo no territorio, que reforza o tecido económico e pon en valor  o produto local, a natureza e a cultura do territorio, contribuíndo a situar o destino como un punto de referencia gastronómico en Galicia.