O IES Fernando Blanco e o IES Eduardo Pondal destacan no concurso 'Atrévete a ter unha idea'

Buscar unha idea de negocio e redactala como máximo en dous folios. Ese eran os requisitos do concurso "Atrévete a ter unha idea" convocado pola Xunta de Galicia dentro do Plan Eduemprende, que promoverá o emprendemento entre os escolares.

Dous institutos da Costa da Morte resultaron premiados na presente convocatoria. Un deles foi o IES Eduardo Pondal, de Ponteceso, que destacou na modalidade de Premio Individual de Educación Secundaria cos traballos "Paneis acústicos" e "Cansada de neumáticos gastados". E o outro foi o IES Fernando Blanco que gañou na modalidade de Premio Grupal Educación Secundaria co traballo "A Fernandeta"; unha food truck ideada como resposta ás necesidades reais de alimentación no centro, cun enfoque innovador, sostible e educativo, contando coa coordinación da vicedirectora do centro, Cheché Pampín, quen liderou o acompañamento do alumnado en todas as fases do proceso. 

O proxecto naceu como culminación dun proceso de aprendizaxe activo no que se desenvolveron diversas actividades previas: dinámicas de grupo, xogos de rol, visitas a empresas e traballo cooperativo na aula. O alumnado participou ademais na elaboración dun vídeo explicativo, requisito do concurso, no que se expón a orixe da idea, o seu funcionamento e os valores que a sustentan.

Un dos puntos fortes da proposta é o deseño dunha aplicación móbil que permitiría ás familias facer os pedidos desde a casa, facilitando así unha planificación previa, reducindo desperdicio alimentario, evitando o uso de diñeiro en efectivo e axilizando a recollida durante os recreos.

A posta en marcha de “A Fernandeta” permitiu a implicación directa das familias profesionais que se imparten no centro, favorecendo o traballo interdisciplinario e a aprendizaxe real, tales como Instalación e Mantemento, Electricidade e Electrónica, Transporte e Mantemento de Vehículos, Fabricación Mecánica e Administración e Xestión. Cada unha destas familias contribuiu co seu saber facer ao desenvolvemento técnico, lóxico e económico do proxecto, desde a transformación do vehículo, o deseño da app de pedidos, ata a xestión do servizo.
 
Ademais do recoñecemento institucional, o premio inclúe unha viaxe a un parque multiaventura, como recompensa ao traballo realizado.