O Instituto de Estudos Bergantiñáns invita a coñecer Pontedeume

O Instituto de Estudos Bergantiñáns ten programado para o vindeiro sábado 11 de outubro unha viaxe cultural ás Fragas do Eume e á vila histórica de Pontedeume . O autobús sairá ás 8.30 horas da rúa Gran Vía de Carballo (fronte á praza). Os billetes para participar nesta actividade están dispoñibles para os socios a partir do xoves 25 de setembro (para os non socios o luns 29), na librería Brañas Verdes (Tno. 981 70 36 41) a un prezo de 35 € (37€ para non socios) , nos que se inclúe o transporte, xantar e entrada ao Torreón dos Andrade.

A xornada deste día distribuirase do seguinte xeito:
Pola mañá, visita ao Centro de Interpretación das Fragas, para ver o contido das súas instalacións. A continuación farase unha camiñada pola beira do río Eume con varias paradas con explicacións sobre a formación xeolóxica da cunca do río e o bosque de ribeira que se formou nas súas marxes, por parte do biólogo e profesor Antón García Losada. O tamén profesor e historiador Luis A. Giadás Álvarez, compartirá os seus coñecementos cos asistentes sobre o mosteiro de San Xoán de Caaveiro, importante cenobio fundado cara ao século X.

Pola tarde, farase unha ruta urbana pola vila histórica de Pontedeume guiada polo historiador local Carlos de Castro. Entre outros lugares, visitarase a igrexa parroquial Santiago, grandioso templo de estilo barroco e o torreón medieval dos Andrade.