Carballo, Ponteceso e Malpica son os municipios da zona con maior numero de usuarios activos no servizo de teleasistencia provincial
Un total 337 persoas maiores dos concellos de Bergantiños e Costa da Morte benefícianse do servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación da Coruña. Carballo, con 75 usuarios, Ponteceso (39), Malpica (33), e Laracha (23) son os municipios que contan con maior número de usuarios activos neste servizo, que a Deputación da Coruña presta a un total de 1.743 persoas dos 90 concellos coruñeses con menos de 50.000 habitantes, todos a excepción da Coruña, Santiago e Ferrol, para o que destina un orzamento de 394.245 euros durante 2016.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada responsable da área de Benestar Social, Ánxela Franco, visitaron na Coruña a central dende onde se xestiona este servizo e comprobaron o seu funcionamento. “Estamos orgullosos dun servizo que permite a moitas persoas maiores ou con discapacidade seguir vivindo no seu domicilio e que proporciona tranquilidade e seguridade ás súas familias, que saben que ante calquer incidente hai unha resposta inmediata ao outro lado do botón”, afirmou González Formoso, que subliñou que nos últimos años a Deputación da Coruña decidiu seguir prestando este servizo a pesar de que o Imserso suprimiu a achega económica coa que contribuía ao seu financiamento.
No mesmo sentido pronunciouse a deputada de Benestar, Ánxela Franco, que considerou o servizo como “un anxo da guarda que está sempre aí” e que “acompaña e dá seguridade” ás persoas maiores nunha provincia caracterizada polo envellecemento da poboación, especialmente no ámbito rural.
Atención permanente
Un pequeno intercomunicador mantén aos usurios conectados as 24 horas do día
Durante as 24 horas do día, os 365 días do ano, estas persoas contan con atención permanente grazas a un pequeno intercomunicador con forma de botón que levan sempre consigo e que poden premer en caso de emerxencias, accidentes, ou simplemente de que o usuario quera falar un rato coa persoa que está ao outro lado da liña.
O aparello funciona tamén en sentido inverso, xa que os usuarios reciben periódicamente chamadas de control dende a central do servizo, que sirven para cuestións tan diversas como preguntarlles polo seu estado de saúde, lembrarlles a hora da súa medicación ou unha cita médica, ou felicitalos polo seu aniversario.
As 16 operadoras que atenden este servizo apuntan nun programa informático cada detalle que o seu interlocutor lles vai contando, co que se crea un expediente individualizado de cada usuario, o que permite un seguemento máis completo e eficaz. Segundo explicaron os responsables da central, co paso do tempo, usarios e teleoperadoras establecen unha relación persoal que é moi apreciada polas persoas maiores e polas súas familias.
Número de usuarios por cocellos do servizo de Teleasistencia provincial