Nico de las Heras, un novo récord solidario para o Ultra Trail Camiño dos Faros

Nico de las Heras, un novo récord solidario para o Ultra Trail Camiño dos Faros

Espectacular o que viviu esta fin de semana a familia trasna. Lanzábase a facer o Ultra Trail Camiño dos Faros o subcampión do Campionato Mundial de Ultramaratón, Nico de las Heras. O asturiano lanzou este desafío de 200 kilómetros para levar o movemento "Rober Contra o Cancro" ao Fin do Mundo.

Trátase dun reto solidario lanzado orixinalmente por Roberto González García, un paciente de cancro gástrico que tenta recadar fondos para a investigación do cancro, a través de bolsas de investigación para a Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM).

Foron día e medio de emocións, pero é que de las Heras estableceu un novo récord que será moi difícil de superar: 31 horas, 24 minutos e 29 segundos, 4 horas menos que a anterior mellor marca, que tiña Dani Bembibre.

Nico de las Heras cos ultra trasnos da Costa da morte

Acompañado de varios amigos da Asociación Camiño dos Faros (bravo polos Juaco, José Manuel, Quito, Felipe e Juan José ) e do seu compañeiro Xon Villamor, conseguía chegar ao Faro Fisterra na mañá dominical , pletórico, e satisfeito dunha nova proeza.

Aquí vos deixamos coas súas impresións á chegada a Fisterra, pero tendes a crónica completa na web do CamiñodosFaros.