O novo mapa turístico da Costa da Morte xa está na rúa

A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) e a Asociación Profesional do sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) veñen de iniciar un novo reparto do seu mapa turístico, grazas á colaboración da Deputación da Coruña.

Durante estes días, tanto os establecementos asociados de APTCM como os 17 concellos que integran a CMAT, están a recoller nos puntos habilitados ao efecto (no balneario de Carballo, no pavillón municipal de Baio en Zas, na Casa da Cultura de Vimianzo, no Parador de Muxía e no hotel Bela Fisterra) a nova tirada deste recurso divulgativo, que recolle os principais atractivos turísticos da Costa da Morte, ofrecendo unha visión completa do seu potencial natural, patrimonial e cultural.

Esta nova entrega abrangue un total de 75.000 exemplares, da tirada total de 150.000 unidades solicitadas por APTCM e financiadas grazas ao apoio imprescindible da Deputación da Coruña.

O obxectivo deste mapa é amosar de xeito claro e atractivo todo o que a Costa da Morte pode ofrecer a quen nos visita, facilitando a orientación polo territorio e poñendo en valor os seus recursos máis emblemáticos. Trátase dunha ferramenta moi demandada e esencial para mellorar a experiencia turística, favorecer a descentralización das visitas e contribuír a un desenvolvemento sostible do sector.

Desde CMAT e APTCM sinalan que “seguimos a traballar conxuntamente para reforzar a unidade e identidade da Costa da Morte como destino turístico, cunha estratexia baseada na cooperación, na posta en valor do noso territorio e na promoción de produtos turísticos de calidade”.