O BNG explica o seu plan de desenvolvemento económico comarcal

Aproveitou Jorquera a súa visita do pasado venres para visitar aos afectados polas Preferentes, que incombustibles, estaban un venres máis berrando ás portas da oficina de Novagalicia Banco de Cee. Os afectados trasladáronse a súa indignación e a súa vontade de seguir loitando polos seus aforros.

Un Jorquera que se achegaba para analizar a situación económica comarcar e facer unha valoración xeral. Aquí recollemos varios dos puntos que repasaron:

  • Potenciación do río Xallas: "trátase dunha opción errada por significar a consolidación dun modelo económico baseado no espolio de recursos en favor de multinacionais no lugar de propiciar unha economía de diversificación da riqueza e oportunidades para sociedade".
  • Sector industrial do textil: Fomentar o cooperativismo das factorías téxtiles que hai en toda a zona, facilitando un clúster representativo do téxtil da Costa da Morte no que se poida conseguir que todo o ciclo da roupa, dende o deseño ata a venda e distribución, se poida facer dende aquí sen estar baixo o ditado das grandes multinacionais. Facilitar que outros produto como o Encaixe de Camariñas ou o liño de Zas poidan ter cabida nestes produto.
  • Recursos do mar: Apoiar as iniciativas que lle engadan valor aos produtos da pesca e do marisqueo e que permitan crear emprego na comarca, entre as que cabe mencionar: Pór en marcha un auténtico plan integral para potenciar o conxunto de tódolos produtos procedentes das actividades mariñeiras da Costa da Morte, recursos pesqueiros, marisqueiros, conserveiros, amparados nun selo de indicación xeográfica protexida (IXP) baixo a distinción de Produtos do Mar da Costa da Morte coma recoñecementos á identidade, o prestixio e as calidades destes produtos, e da súa extracción artesanal ou tradicional.
    Fomentar os plans de aproveitamento de poboacións de algas, invertebrados mariños con interese comercial.
  • Recursos agrogandeiros: fomentando e axudando a establecer unha rede de explotacións agrogandeiras competitiva e de calidade, así como o impulso do recoñecemento e distinción dun selo de orixe de procedencia e fortalecemento dos seus canais de comercialización. Realizar unha campaña concreta de promoción do banco de terras e protexer a destrución das terras de cultivo fronte a ocupación de cultivos forestais.
  • Recursos patrimoniais e turismo: Apoiar e impulsar iniciativas de posta en valor dos recursos naturais e da biodiversidade, da paisaxe, etnográficos, artesanais, culturais, gastronómicos, arqueolóxicos, etc., orientados a súa protección e dinamizado turístico. Facer participes ao conxunto do sector de servizos (hostalaría, restauración, empresas vinculadas ao turismo, plataformas de venda, etc ) na elaboración de paquetes turísticos, establecendo canais de colaboración e contacto con operadores de viaxes.
    - Impulsar o Parque Natural do Monte Pindo coa elaboración dos respectivos plans de ordenación e conservación, e os de uso e xestión, e aposta do mesmo coma un referente turístico da zona. Incluíndo un plan para a Fervenza do Ézaro.
    - Desenvolver a Zona de Especial Conservación “Costa da Morte”, e da Zona de Especial Conservación para as Aves ZEPA “Costa da Morte Norte” da Rede Natura 2000.
    Apoiar e impulsar a Reserva Mariña dos Miñarzos en Carnota, en conexión coa promoción de turismo mariñeiro e gastronómico.
    - Dotar económica para desenvolver o Plan Director do Cabo Fisterra, co obxecto de recuperar a afluencia turística perdida na última década.
    - Elaborar o Plan de Paisaxe da Costa da Morte, co impulso dos seus elementos e monumentos paisaxísticos protexidos, coma por exemplo os Penedos de Pasarela e Traba, o Cabo Touriñán, a costa de Camariñas entre Vilán e Camelle, o entorno de Traba e Soesto, ou das Illas Sisargas e As Lobeiras.
    - Elaborar un roteiro turístico de longo recorrido pola Costa da Morte, incorporando o propio Camiño de Santiago ao seu paso pola Comarca.
    - Poñer en marcha a Rede Turística de Cabos e Faros da Costa da Morte, incluíndo a conversión e/ou adaptación de Faros (en función das súas características) en instalacións para atender a demanda turística (restauración, hostalería, museística: incorporando ás actividades xa existentes no Faro Fisterra ou Vilán as instalacións coma o Faro Lariño, Faro Cee, o das Lobeiras, Touriñán, Punta Nariga etc).
    - Recuperar e impulsar o Plan de Megalitismo da comarca, poñendo en valor todo o patrimonio arqueolóxico e histórico da Costa da Morte así como das medidas necesarias para a súa urxente protección.
    - Impulsar actividades de ocio e lecer vinculadas ao turismo e á natureza da comarca, tales como deportes de vela, as enormes potencialidades do surf, o kayak de mar, sendeirismo, ou roteiros de btt e ciclismo de estrada aproveitando o recoñecemento internacional dentro do mundo do ciclismo do que é a Subida do Ézaro, etc.
    - Impulsar un plan de promoción da oferta de areais e festas turísticas da Costa da Morte, en combinación cos apartados anteriores.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG comarcal.