Laura Mariño ( esquerda) e Abraham Gerpe (dereita) co alcalde Amancio Lavandeira na sesión de investidura de xuño de 2015
Laura Mariño, voceira do BNG de Coristanco, deixa o pacto de goberno municipal
O que parecía ía ser un estable goberno “tripartito”, ano e medio despois das eleccións municipais deixou a un alcalde en solitario e en clara minoría. En xuño do ano pasado o edil do PSOE renunciaba á súa dedicación, e malia asegurar que mantiña o pacto de goberno, xa ten demostrado que o tripartito morrera votando en contra do goberno en algunha ocasión.
E mañá, o alcalde de TEGA, Amancio Lavandeira, terá que afrontar unha nova etapa trala decisión do BNG de deixar o goberno de Coristanco. A ata onte concelleira de Cultura, Educación e Turismo, Laura Mariño rompe o “bipartito”, ao considerar que “hai moitas cousas que non cambian”. "A renuncia do alcalde a unha xestión eficiente obriga o BNG a deixar o goberno de Coristanco", sinala. "A inexistencia dunha maior transparencia, a falta de facilidades para a participación veciñal, unha xestión administrativa deficiente e o non contribuír a un cambio real", son algunhas das razóns
Aínda en xuño a edila do BNG xa criticara a falsa humildade do edil do PSOE, e asegurando que a súa labor sería “manter (e redobrar) o esforzo e o traballo para xestionar da mellor maneira as finanzas municipais e poñer orde en todas as áreas e servizos do Concello, co obxectivo de darlle a volta á lamentable, caótica e preocupante situación que nos deixaron os mandatos do Partido Popular”.
Ante a pregunta do “que cambiou dende entón”, Laura entende que “a pesar de redoblarse, e triplicarse esforzos dende aquela, seguimos vendo que non hai transparencia por ningún lado”. Mariño considera que “ata agora mantivémonos moi leais ao goberno, lavando os trapos sucios dentro da casa, pero cremos que temos que saír porque vemos que as cousas non cambian”. Matiza que “non é unha guerra contra o alcalde, nin entre o BNG e TEGA. Non hai nada concreto, son moitas cousas que vimos notando, e a verdade é que dende o BNG xa o vimos barallando dende hai tempo, e xa o avisáramos. É certo que tiven bastante autonomía na área de Cultura, e de feito creo que se notou un cambio, e unha maior frescura, pero nun concello pequeno hai moitas cousas que nos atinxen a todos, e botamos en falta unha xestión diferente”. Así, a edila lembrou as melloras na súa área: programación constante e de calidade a nivel cultural e educativo, fomento da partipación do tecido asociativo ou actos históricos de gran trascendencia como a ansiada homenaxe a Asunción Antelo ou o recoñecemento ás pandereteiras de Silván.
Mirando ao futuro, Mariño afirma que “nós pasamos á facer unha oposición positiva, estaremos perfectamente abertos ao diálogo, e votaremos a favor das cousas que consideremos positivas para o pobo. Iso si, o BNG nunca apoiará unha moción de censura do PP”, que asegurar.