O Concello de Coristanco saneou en 2 anos os 3 millóns de euros de débeda municipal do anterior goberno do PP

O solitario grupo de goberno de Coristanco, a través da Concellería de Promoción Económica e Emprego, vén de comunicar o que entende como “nova moi positiva sobre a situación económica do noso Concello”. Segundo os últimos datos do Departamento de Intervención do Concello de Coristanco, sobre o peche do exercicio correspondente ao ano 2016, o Remanente de Tesorería resultante arroxa un saldo de 4.324.780,33 €.

Unhas cifras que permitirán pagar as facturas pendentes e liquidarase, no prazo máis breve posible, unha vez que a débeda pendente cos provedores alcanza os 2.763.822,48 €.

Segundo o grupo de goberno, conseguiron liquidar en dous anos os 3 millóns de euros de débeda municipal acumulada polo goberno de Pensado Plágaro, reducindo á metade o período medio de pago a provedores.

Outro aspecto positivo que sinalan é que “a partir de agora, as axudas económicas doutras administracións ao Concello poderán invertirse en obras en vez de utilizalas para pagar a débeda”. “Esta débeda afogaba as contas do concello e dificultaba o seu funcionamento, paralizando moitas iniciativas”.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).