Sen medo a equivocarnos, podemos dicir que o 2014 foi un ano de moita carga informativa: casos de corrupción, un novo partido político a nivel estatal, temporais atmosféricos,... e moitas máis novas que espertaron interese entre os lectores de Que Pasa na Costa.
No terreo político, unha das novas máis destacadas do ano foi o caso da autovía Costa da Morte: manifestacións para que se reanuden as obras; a Xunta anuncia que se reanudan as obras, despois de dous anos de parón, e que chegará ata Baio; interrogantes sobre a legalidade de anular un dos treitos,... Un tema que seguro que seguirá dando que falar o longo do 2015.
Lamentablemente, os casos de corrupción ocuparon unha boa parte da actualidade informativa da Costa da Morte. Un dos máis destacados deste ano foi o caso Maceiras; unha fraude forestal con centos de afectados na bisbarra e cun bo número de persoas investigadas.
No ámbito social, unha das novas que tivo unha maior repercusión no 2014 foi o Camiño dos Faros percorrido por miles de trasnos nas distintas etapas, a creación da Asociación Camiño dos Faros, a denominación dunha nova Ruta de Gran Percorrido GR,...
Seguramente, un día coma hoxe, pero dentro dun ano, faremos un repaso polos novos alcaldes da Costa da Morte e outros acontecementos que esperemos que sexan positivos para toda a comarca.