O PP invita aos afiliados a participar nas reunións comarcais

Diego Calvo mantivo unha reunion con representantes do PP na Costa da Morte Durante un encontro de traballo mantido onte entre os alcaldes e portavoces populares de Cabana, Carballo, Coristanco, Laxe, Laracha, Malpica e Ponteceso; Diego Calvo -o novo presidente do Partido Popular da provincia da Coruña -reafirmouse na súa idea de que, a partir de agora, os 30.000 afiliados cos que conta a súa formación na provincia da Coruña poidan participar de forma activa nas reunións comarcais que, ata agora, os dirixentes provinciais mantiñan de xeito periódico cos alcaldes e portavoces dos distintos partidos xudiciais da Coruña, Betanzos, Carballo, Ferrol, Noia, Santiago e Corcubión. O anuncio enmárcase dentro da nova política de participación que o recentemente elixido presidente provincial quere instaurar no partido, e coa que Calvo pretende que “todos os afiliados escoiten o que queremos facer, nos digan que queren eles, se queixen cando haxa motivos e nos acheguen as súas propostas”. Convencido, tal e como expresou no seu discurso como presidente provincial, da importancia de incrementar e potenciar a participación dos afiliados, Calvo pretende así que todos os militantes e simpatizantes do Partido Popular da Coruña teñan unha “opinión formada sobre calquera asunto de actualidade”. Formación Así mesmo, durante o encontro de onte na Costa da Morte, o presidente provincial insistiu tamén na necesidade de mellorar a formación dos militantes, alcaldes e portavoces a través das áreas de traballo que o partido está a poñer en marcha sobre diferentes materias. “É a nosa obriga como partido ofrecerlle á nosa xente as ferramentas necesarias para que poidan levar a cabo a súa labor coas maiores garantías posibles”, indicou Calvo, quen resaltou o seu compromiso para que o Partido Popular da Coruña se confirme como “unha referencia para todos os cidadáns”. Neste sentido, o presidente provincial fixo fincapé na importante labor que deben levar a cabo os comités locais, “a mellor canle” para poder chegar e comunicarse cos afiliados. “Se queremos facer do partido unha estrutura máis aberta e participativa, é fundamental que a comunicación sexa fluída entre todos nós, xa que así poderemos trasladar tamén as nosas ideas aos veciños”, afirmou o presidente provincial, quen asegurou que o seu novo equipo está “comprometido e ilusionado para traballar duro e recuperar a confianza dos coruñeses”. Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • PP