Orballo Cultural, a nova iniciativa musical da Costa da Morte

O ciclo de concertos dará comezo este sábado en Carballo coa actuación de M-Clan

O xermolo cultural na Costa da Morte é imparable. Así o demostra Orballo Cultural, un novo proxecto que traerá á nosa zona todo un ciclo de actuacións musicais durante o verán en varias localizacións especiais da Costa. Un total de 14 actuacións poderán ser desfrutadas en lugares tan emblemáticos como O Fórum de Carballo, O Parador da Costa da Morte en Muxía, O Semáforo en Fisterra ou o EcoMuseo Forno do Forte en Buño.

O ciclo non pode arrincar mellor que coa actuación de M-Clan en acústico este sábado 25 de xullo n Carballo. Un concerto que, segundo indican, promete ser íntimo ao contar cun aforo moi reducido para poder cumprir con todas as medidas de seguridade. O dúo formado por Carlos Tarque e Ricardo Ruipérez presentará algúns dos seus últimos temas e, por suposto, tocarán varios dos seus clásicos.

Vindeiras actuacións

M-Clan é o punto de partida desta nova iniciativa musical e por diante quedan outras 13 actuacións que se repartirán ao longo de todo agosto. A partir do próximo 27 de xullo, ás 12 horas, estarán á venda as entradas para o resto de concertos que compoñen o ciclo. Estas poden conseguirse a través da web woutic.es

Igual que no evento deste sábado, todas as actuacións contarán cun aforo moi reducido co fin de poder garantir todas as medidas de seguridade necesarias.