Denuncian a lamentable situación do transporte público para o alumnado dos institutos da Costa da Morte
Dende 2019, dende a trampulleira integración do transporte escolar e ordinario, os problemas co servuzo de autobuses para a rapazada que vai ao instituto son infinitos. Este comezo de curso, e ata que moits familias se dean por vencidas e comecen a usar o coche, os buses de Fisterra a Cee son absolutamente inhumanos. A confluencia de peregrinos que volven a Compostela ou Coruña co alumnado que acode aos institutos ceenses provoca que moitos viaxeiros teñan que ir de pé.
Unha circusntacia semellante que pasa entre Camariñas e Vimianzo, entre Baio e Ponteceso, ou tamén dende Mazaricos ou Carnota a Cee.
Ante esta grave situación, repetida ano tras ano, o deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, presentou varias iniciativas no Parlamento galego nas que insta á Xunta a crear as liñas de transporte público de autobuses necesarias para cubrir toda a demanda do alumnado de ensinanzas non obrigatorias dos institutos da Costa da Morte, adaptándoas aos horarios de entrada e saída dos centros de ensino.
O BNG sinalou que no comezo do presente curso escolar “de novo os e as estudantes matriculados en calquera das modalidades de ensino non obrigatorio, bacharelato e ciclos formativos, nos centros de ensino da comarca, seguen a sufrir os mesmos problemas no transporte público de autobús, o único medio público existente”. O problema afecta ao alumnado do IES Terra de Soneira de Vimianzo; IES Maximino Romero de Lema, de Baio; e IES Agra de Raíces e IES Fernando Blanco, ambos de Cee.
De Camariñas a Vimianzo
A formación nacionalista indicou que no caso do instituto de Vimianzo, o estudantado de Camariñas segue a padecer as mesmas dificultades que o ano pasado, dado que non teñen un horario axeitado de transporte público para acudir as aulas durante a semana, no horario de 8.45h ás 14.25h, e na tarde do luns, de 15.50h a 18.30h. A liña regular de autobús que existe entre Camariñas e Vimianzo, entre o luns e venres, sae ás 6:27h da mañá, e pola tarde de Vimianzo a Camariñas vai de volta ás 18:00 horas.
“Xa non falemos dos camariñáns e camariñás que van ao instituto a Cee, que non teñen bus pola tarde para volver, e os que van aos institutos de Baio e Ponteceso non teñen directamente liña de bus desde Camariñas ata ditos municipios, xa que actualmente non existe, e teñen que ir nos seus vehículos particulares”, subliñou o BNG, que explicou que nos centros de ensino en Cee, o alumnado tamén segue a ter as mesmas trabas que o curso anterior.
De Carnota, Mazaricos ou Fisterra a Cee
Os rapaces de Carnota non teñen parada diante do IES Fernando Blanco, pois este só ten parada no I.E.S. Agra de raíces, polo que os días de choiva teñen que ir andando ao outro centro, cando podían ter unha parada neste, pois pasa por diante do mesmo instituto.
O grupo nacionalista insistiu en que “así mesmo, os rapaces de Fisterra que se desprazan a Cee están a sufrir igualmente os mesmos problemas de falla de prazas nos autobuses, pois a semana pasada desprazouse unha inspectora de mobilidade xunto co alcalde de Fisterra, e puideron comprobar como quedaron apeados rapaces nas paradas da Anchoa, de Calcoba e de Sardiñeiro porque non había prazas e non podían ir en autobús”.
“A Xunta afirmou que puxeron un autobús de 77 prazas, pero segue a ser insuficiente para a demanda existente”, sinalou o BNG, que destacou que os horarios das liñas tampouco se adaptan aos das aulas, que son de 8.30h a 14.00h de luns a venres, de 16.00h a 18.30h de luns a xoves nos ciclos formativos, e de 16.00h a 17.40h os luns no caso do bacharelato; ao igual que lles pasa aos alumnos e alumnas que viaxan desde Muxía ou Mazaricos.
O parlamentario Oscar Insua manifestou que “esperemos que a Xunta faga algo e resolva axiña as demandas dos estudantes, que o único que piden é poder ter un autobús e chegar en hora á clase, e poder ir á casa cando rematen as clases. Temos que aumentar os servizos de transporte público na costa da morte; esta é unha demanda sensata, notoria e manifesta dos pais e nais que non nos parece tan imposible de levar a cabo”.