Precísase sangue

O Centro de Transfusión de Galicia alerta das baixas reservar en grupos sanguíneos como o 0 Positivo e A Positivo. Imaxe: CTG
O Centro de Transfusión de Galicia - CTG - fai un chamamento á doazón dos cidadáns e, moi especialmente, aos grupos sanguíneos Cero Positivo e A Positivo. As reservas destes dous grupos presentan niveis baixos, polo que resulta preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón.
Durante a vindeira semana, unha unidade móvil do CTG instalarase en varios puntos da Costa da Morte. Así, o luns estará diante do concello de Vimianzo en horario de 16 a 21 horas.  O xoves, de 16 a 21 horas, estará na praza do Recheo de Ponteceso. O aparcamento do IES Fernando Blanco de Cee será o lugar elixido para a unidade móvil do CTG para o venres que estará de 10:30 a 14 horas mentras que no horario de tarde - de 17 a 21 - se desprazará ata diante do centro de Saúde da vila. Continuará aquí o sábado en horario de 10:30 a 14:30 horas.
Segundo indican dende o Centro de Transfusión, neste comenzo de ano, despois das festas de Nadal, resulta preciso incrementar o volume de doazóns, xa que, aínda que as necesidades de compoñentes sanguíneos por parte dos centros sanitarios galegos, sitúanse en 500 doazóns diarias, esta cifra soe aumentar, debido ao incremento das urxencias derivadas dos accidentes por estrada.
Os meses de inverno presentan dificultades engadidas para o desenvolvemento das campañas de doazón xa que, ademais das inclemencias meteorolóxicas propias da estación, o aumento de enfermidades do tipo da gripe, motivan unha diminución da presenza de doadores e doadoras nas unidades móbiles e nos puntos fixos de doazón.
Doar é moi sinxelo
Pode doar sangue calquera persoa de máis de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue (VIH, hepatite B ou C,...). A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e, mesmo, salvar a súa vida.
Para máis información, é posible chamar ao teléfono gratuíto para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles: 900 100 828
Novas relacionadas:
Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
  • CTG