Gastronomía

Os produtos costeiros, estrelas en Xantar

Gran presencia e repercusión dos produtos costeiros que levou a Deputación ao Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar. Botaron de menos as Filloas de Zas, que tiveron que ficar na casa para disfrutar da festa do Trail, pero os outros protagonistas con D.O. Costa da Morte deixaron a súa pegada.

O deputado de Turismo, Xosé Regueira calificou de “potencias gastronómicas" os concellos coruñeses participantes na feira. Debeu ser polas boas experiencias no padal probando o ceviche de raia, tortilla romana e conservas de Muros e Noia, os pinchos irmandiños de Vimianzo, o bolo do pote de Mazaricos, ou o pan e empanada de Carballo, os produtos costeiros presentes na feira.

Unha feira que serve de paso para estreitar lazos a través do turismo, de maneira especial, con Portugal onde a provincia da Coruña será destino convidado na Feira Internacional de Turismo da Guarda.

Prato a prato

Espectacular o showcooking do bolo do pote de Mazaricos, que desbordou o aforo da aula en Xantar Ourense. O alcalde, Juan José Blanco Riveiro fixo a presentación e conduciu o show no que as amas de casa prepararon o bolo e o chef José Manuel Carreira os chuletóns, para dar conta dunha das especialidades gastronómicas do Concello: a carne. As persoas asistentes tamén se mostraron entusiasmadas ante o sabor e textura do pan de diversas clases que as panaderías do Concello enviaron para a mostra.

O alcalde aproveitou para convidar a todos os asistentes á XXI edición da Festa do Bolo, que terá lugar o 9 e 10 de marzo. O sábado os restaurantes mazaricáns ofrecerán cocido con bolos, previa reserva e o domingo será a degustación popular no Campo da Feira da Picota amenizada por gaiteiros e charanga.

Foi tamén tremendamente seguido o showcooking do Concello de Vimianzo, onde Jorge Guitian e Anna Mayer (aquí arriba, e abaixo) fixeron unha auténtica demostración de todo o que implican os Pinchos Irmandiños, unindo historia á gastronomía salgada do mar e da terra, e doce.

Dende Muros, o responsable do Hotel Restaurante A Muradana, preparou en directo un ceviche de raia e gambas da man de Ría da Estrela. A degustación dos produtos artesáns de Conservas Sotavento e a singular tortilla romana fixeron as delicias dos comensais.

Ademais, o Pan e empanada de Carballo estivo presente durante toda a fin de semana, permitindo que centos de visitantes comprobasen a extrema calidade da fariña bergantiñá.

Novas relacionadas