O PSdeG de Bergantiños pide accións para facilitar o acceso á vivenda
O PSdeG-PSOE da comarca de Bergantiños, a través do seu coordinador comarcal e voceiro socialista en Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda, vén de denunciar a inacción dos alcaldes dos sete concellos da comarca ante a crecente problemática da vivenda. Pérez Abelenda critica que os gobernos municipais “están a mirar para outro lado mentres a situación se agrava”, sen adoptar medidas nin impulsar políticas públicas que garantan o acceso a unha vivenda digna.
Os socialistas bergantiñans alertan de que a falta de oferta de vivenda é xa crítica, e subliñan que nos principais portais inmobiliarios a dispoñibilidade é mínima, o que evidencia a ausencia de planificación e de políticas activas por parte dos concellos. Esta escaseza está a provocar que os prezos dos alugueiros sexan excesivos, moi por riba das posibilidades económicas da maioría das familias da comarca.
Esta realidade está a impedir que a mocidade poida emanciparse, obrigando a moitos mozos e mozas a marchar fóra da comarca en busca de oportunidades. Do mesmo xeito, as familias monoparentais, especialmente vulnerables, enfróntanse a enormes dificultades para atopar unha vivenda accesible, estable e adaptada ás súas necesidades.
Ante esta situación, Pérez Abelenda anuncia que o PSdeG-PSOE da comarca tomará a iniciativa para situar a vivenda no centro da axenda política local. Por iso, o partido avanzou que presentará iniciativas específicas en cada un dos concellos da comarca de Bergantiños, adaptadas á realidade de cada municipio, a través dos seus portavoces municipais. O obxectivo é impulsar medidas que aumenten a oferta de vivenda, fomenten o alugueiro accesible, eviten prezos abusivos e garantan oportunidades reais para a mocidade e para os fogares con máis dificultades.