O PSOE esixe máis medios para os comedores escolares de Bergantiños

O PSdeG-PSOE reuníuse en Carballo con cociñeiras e cociñeiros do servizo de comedor escolar de Bergantiños e da Costa da Morte

Moitos centros de ensino do rural da nosa comarca aínda sobreviven á política privatizadora da Xunta e contan con comedores escolares. Un luxo nun país onde a meirande parte das crianzas das cidades comen de catering. Pero un luxo que cómpre manter con dignidade, e loitar para que non desapareza.

Así, o PSdeG-PSOE vén de manter unha reunión en Carballo con cociñeiras e cociñeiros do servizo de comedor escolar de Bergantiños e da Costa da Morte. Participaron na xuntanza os membros do Parlamento galego Patricia Iglesias Rey e Aitor Bouza, así como Lois Carballido, secretario de educación da executiva provincial, e José Manuel Pérez Abelenda, voceiro socialista en Coristanco. 

As traballadoras lles trasladaron as súas reivindicacións como persoal dependente da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. "As cociñeiras reclaman máis medios e, sobre todo, máis recoñecemento ao seu gran labor, ao seu gran traballo", sinala a deputada no Parlamento. "A Xunta está claro que aposta por un modelo de catering e produtos precociñados e non por cociñas propias nos centros educativos", lamenta. 

Iglesias Rey lembra que "as socialistas xa presentamos en febreiro de 2025 unha iniciativa no Parlamento precisamente para que nos hospitais, residencias ou centros educativos se aposte polos produtos nosos, polas nosas legumes, polo noso peixe e polas nosas verduras, que se fomente o consumo de produtos locais".