Queixas e explicacións sobre a falta de servizo de urxencias veterinarias na Costa da Morte
Un dos asuntos recorrentes nos últimos tempos na comarca é a inexistancia das Urxencias Veterinarias. Son moitos os veciños e veciñas que lamentan que non haia unha soa clínica que ofreza un servizo 24 horas para urxencias veterinarias. Na nosa zona houbo unha clínica en Cee que mantivo ese servizo durante anos, pero aguantando moitas veces as esixencias e as malas caras dos clientes polo contía das facturas, a pesar de ser un servizo na meirande parte dos casos deficitario.
Na nosa zona o servizo máis cercano está en Santa Comba, o que sitúa o servizo a arredor de unha hora de distancia. Moita xente considera que debería haber algunha clase de normativa que obrigue, e facilite ao mesmo tempo, a que as clínicas se rotasen para manter o servizo operativo a nivel comarcal, como fan as farmacias co servizo de “garda”.
Dende as clínicas da comarca, cansas de aguantar as clásicas retaílas do “eu polo meu animal faría o que fose” (que sempre ven acompañado das queixas sobre o custe do servizo ou sobre a súa falta de “amor polos animais” desas clínicas…) explican con claridade por que están a desaparecer estes servizos de urxencias. “Non é un capricho, nin unha falta de amor polos animais. É unha crise sectorial sen precedentes”, explican.
É certo que as Clínicas veñen de ter un ano convulso co novo Real Decreto 666/2023, pero é que ademais, a falta de persoal está a provocar graves problemas.
Aseguran que a falta de profesionais no resto de Europa está provocando un éxodo masivo, e que os novos graduados cambian de sector por ser unha das profesións con maiores taxas de ansiedade, depresión e esgotamento.
Lembran que coidar vidas leva unha carga emocional moi alta, o que combinado coas condicións dun sector habituado a ter un horario comercial demasiado amplo, provoca as gañas de cambiar de vida. A conciliación familiar no sector combate directamente coa ilusión, coa vocación profesional, explican.
Todo maridado por unha clientela cada vez máis esixente e maleducada, que provoca un estrés psicolóxico máis grande nas profesonais.
Sobre as urxencias, as clínicas constantan ademais que a cidadanía fai un mal uso das urxencias. “Os servizos de emerxencia están para salvar vidas en perigo inminente, non para a comodidade dos donos de mascotas. Atender unha emerxencia real convértese nunha tarefa hercúlea cando o servizo está desbordado de chamadas ou visitas para comprar unha bolsa de comida, un tratamento ou facer unha pregunta”, denuncian. Un servizo que supón un custe altísimo para as clínicas, en canto ao mantemento das instalacións e as horas extras de profesionais cualificados.
Por iso, dende as Clinicas piden un maior respecto polas profesionais que atenden, con vocación e agarimo, aos nosos animais.