A rebaixa do 50% nos buses provoca un aumento do uso do 19% en Bergantiños

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha visita á estación carballesa o ano pasado

Teno claro a Xunta se quere promocionar o uso do transporte público. A rebaixa do 50% proposta dende o 1 de setembro a fin de ano nos buses interurbanos está a ter consecuencias directas. Entre o 1 e o 15 deste mes, na comarca de Bergantiños rexistrouse unha suba do 28% nas viaxes con dirección á Coruña, con respecto ao mesmo período do ano anterior, considerando que un 19% da porcentaxe total dese incremento é imputable directamente ás bonificacións.
Así mesmo constatouse un incremento do 38% con respecto ao mesmo período do ano anterior, do que un 6% é consecuencia directa das bonificacións, nun contexto de suba xeral pola recuperación do uso do transporte público tras a pandemia.

A Xunta afirma que houbo un incremento do 40% no uso do autobús da Xunta a nivel autonómico, cun incremento do 20% vinculado á recuperación progresiva da demanda tras a pandemia e o outro 20% imputable directamente ás bonificacións.

Tamén aumentou a demanda da Tarxetas de Mobilidade de Galicia. Só en Carballo expedíronse na primeira quincena 190 tarxetas TMG e 225 na comarca de Bergantiños.

Cómpre lembrar ademais que 3.200 da comarca de Bergantiños e 1.770 de Carballo dispoñen da tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis nos autobuses da Xunta.

Peaxes

A Xunta anunciou ademais a conxelación das peaxes das autoestradas autonómicas en 2023, na autoestrada A Coruña-Carballo e na do Val Miñor, para paliar os efectos da elevada inflación no peto das familias.