Un recoñecemento para a catro establecementos comerciais que mellor atenden en galego

O BNG de Bergantiños vén de entregar este xoves 23 de xullo en Ponteceso os Premios BNG (Bergantiños Negocios en Galego), que recoñecen ás empresas que contribúen á presenza normalizada da lingua galega no ámbito económico, demostrando que o idioma tamén é unha lingua de empresa, innovación, calidade e futuro. Estes premios son unha continuidade e, ao mesmo tempo unha renovación, dos Premios Patria e Lingua, que se viñan celebrando na comarca de Bergantiños hai uns anos.

Os negocios premiados foron:

  • “Fíos de Cores”, en Ponteceso;
  • “Libraría Risón”, en Laxe;
  • “María Moda”, na Laracha; e
  • “Lenda”, en Carballo.

Representantes de cada establecemento premiado recibiron un agasallo da man dos portavoces municipais do BNG das localidades onde están situados.

O BNG destacou que “nestas empresas a lingua galega forma parte da súa maneira de traballar, de atender á clientela, de crear confianza e de construír relacións”. A formación nacionalista, con estes premios, quere pór en valor ás empresas que crean riqueza na comarca e que fan do galego unha ferramenta útil para comunicar, diferenciarse e fortalecer a confianza coa súa clientela.

O acto de entrega dos premios tivo lugar na Eira Bar de Ponteceso, e contou coas intervencións de Fátima Rodríguez, portavoz do BNG de Ponteceso; Daniel Pérez, alcalde de Carballo; e Olalla Rodil, deputada do BNG no Parlamento galego. Ademais do responsable comarcal, Xosé Manuel Pose; o deputado do BNG por Bergantiños no Parlamento galego, Oscar Insua; e o responsable comarcal de Lingua do BNG Bergantiños, Xosé Cotelo.