Vieiro lanza un manifesto no día internacional contra a droga
Con motivo do día internacional contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas, que se celebra hoxe, a Asociación Vieiro de Carballo lanza o seguinte manifesto:
Un ano máis, conmemoramos o Día Internacional contra a Droga. Unha data especial para reflexionar. Un día singular no que non podemos estar satisfeitos porque a situación é realmente preocupante.
Os índices de tráfico de drogas están nos rexistros máis altos da historia e en España conflúen grandes roteiros internacionais de tráfico de drogas con destino a Europa, coas costas galegas como un dos seus destinos favoritos.
A consecuencia é que agora mesmo adquirir calquera substancia para consumo é tan sinxelo como saír de compras; está dispoñible, é abundante e moi barata.
Todo iso a pesar do meritorio labor que realizan as forzas de seguridade, xuíces e fiscais comprometidos; profesionais en circunstancias moi difíciles e coa circunstancia, tan difícil de explicar para o cidadán, de ver como os mesmos traficantes –grandes e pequenos— entran e saen do cárcere con normalidade rutineira, traficando e gañando diñeiro a costa do sufrimento de moitos. A eles engádense bandas internacionais moi perigosas que chegaron para quedar empregando violencia extrema.
Segundo o último rexistro dispoñible, case cincocentos grupos de crime organizado (472) operan habitualmente en España, poñendo en perigo a seguridade de todos.
Cifras récord de tráfico, asentamento de mafias internacionais, incremento exponencial da violencia…en España estamos ante un problema de seguridade nacional que debe ser atendido co reforzo dos medios á disposición de Forzas de Seguridade e da Xustiza e con cambios lexislativos, tal como expuxo a Fundación ante a Comisión Mixta de Adiccións no Congreso.
Actuemos antes de que sexa demasiado tarde.
O problema das drogas é amplo e complexo; un desafío que afecta a millóns de persoas en todo o mundo. Desde quen sofre persoalmente o drama das adicións a sociedades que padecen as consecuencias do narcotráfico e o crime organizado.
Desgraciadamente hai comunidades, como a galega, e provincias como a nosa que coñecen moi de preto ambos.
Debemos reflexionar como sociedade porque en determinados ámbitos é común o pensamento de que consumir drogas “non é tan grave”, é divertido e ademais, “non pasa nada”. Construímos un erro colosal ao redor destas crenzas que debemos empezar a resolver de maneira urxente.
Porque a realidade é moi distinta, o consumo de drogas non é inocuo, dana desde a primeira dose, desembocando en moitas ocasións no drama da adicción, con repercusións evidentes sobre a saúde física e mental das persoas, danos que poden ser moi severos e que esnaquizan vidas.
Para agravar a situación, nos últimos tempos cobraron auxe as denominadas adiccións sen substancia. O xogo patolóxico, xunto ao uso problemático da internet, videoxogos, móbiles e redes sociais son algunhas das novas adiccións que en moitos casos están estreitamente relacionadas co consumo das drogas clásicas e asociadas a comportamentos perigosos como situacións de acoso escolar, abuso sexual e violencia de xénero, entre outros.
Neste contexto resulta evidente que non podemos limitarnos a reflexionar. É urxente reaccionar, empezando por asegurar as mellores condicións para o tratamento, a asistencia e a reintegración social das persoas adictas.
Unha reacción que nos chama a todos porque o problema aféctanos a todos. Persoas, familias, comunidades, medios de comunicación, profesionais, entidades e administracións… debemos traballar xuntos e de maneira intensa, logrando fomentar estilos de vida que non teñan como actividade principal a inxesta habitual ou masiva de alcol e outras drogas.
É tempo de realizar un aposta decidida pola Prevención, como sinala Nacións Unidas neste Día Internacional.