A Xunta devolve, 6 anos despois, un surrealista informe ambiental sobre o Camiño dos Faros

6 anos despois de que a Asociación O Camiño dos Faros preséntase en 2019, o Documento Ambiental para solicitar a homologación como Sendeiro de Longo Percorrido do trazado do sendeiro natural máis marabilloso do planeta, a Xunta acaba de responder coas súas esixencias. 


A pesar de que a lei obriga a responder en 3 meses, e cando a comarca xa daba por feito que o proceso de parálise administrativa implicaba deixar esquecido este documento no caixón, a Xunta vén de emitir o seu infame informe ambiental.

Un sendeiro creado dende a cidananía (foi ese o seu gran delito), con máximo respecto medioambiental, rectificando as variantes máis perxudiciais e deixando de convocar as saídas grupais, que se ten convertido en referente mundial de turismo de natureza, amado e respectado dende centos de partes do planeta, pero maltratado na súa propia casa.

E iso que son moitos os negocios que dependen del en moitos casos ata o 50% da súa facturación, aínda que a xenreira xerada dende as administracións faga que sexan moi poucos os empresarios que alcen con forza a súa voz en favor do Camiño.

O informe

No informe, a Xunta acusa a este sendeiro de "masificación" cando ben de pode comprobar pasando calquera día do ano nun dos seus areais que os camiñantes que atravesan os espazos comprometidos van en grupos moi reducidos e dun xeito de máximo respecto ambiental.

Aquí si que a Xunta pon á píllara das dunas como argumento para evitar o seu paso pero non para evitar a presenza de bañistas ou surfistas.

A Xunta tamén pon como argumento especies de flora protexida para obrigar a modificar os sendeiros, pero o máis grave é que hai zonas nas que non permite o trazado do Camiño dos Faros onde xa hai outros sendeiros homologados como é o Camiño do Mar PRG-148 polas terras de Pondal, ou o sendeiro PRG-114 por Soesto e Traba.

Máis grave aínda, case en clave de broma, é obrigar a cambiar o trazado por puntos onde xa se realizaron pasarelas de madeira peonís, como na zona de Laxe.

As alternativas

A Xunta impón ademais á Asociación, que ten decidido dende 2020 deixar de seguir pelexando pola homologación, buscar as alternativas a eses camiños teoricamente perxudiciais para as contornas naturais. A entidade recoñece que para evitar pisar o rego de Seiruga, o areal de Soesto, o Trece, Lourido ou o Rostro, tería que facer incursións de interior por alfalto de ata 5 km, esquivando así os puntos que dan sentido ao sendeiro.

Con esta situación, semella que a homologación non vai ser viable, pero mentres, O Camiño dos Faros segue o seu sendeiro social, sen necesidade da maquinaria administrativa, para ser un dos sendeiros naturais máis fermosos do planeta para ducias de publicacións internacionais.