A biblioteca Rego da Balsa non pecha polo verán

 
Ainda que a biblioteca Rego da Balsa de Carballo modifica un pouco os seus horarios durante o verán, a actividade non para nos meses de xullo, agosto e setembro, nos que as instalacións da rúa Bos Aires teñen reservados obradorios, proxeccións, contacontos, clubs de lectura, presentacións de libros e tamén a súa participación nunha nova edición da Praza dos Libros, que este ano muda de data e pasa a celebrarse no mes de xullo. Os primeiros sábados de xullo e agosto contarán con citas para os máis cativos e cativas con contacontos para nenos e nenas de 0 a 3 anos no marco do proxecto Apego. Os obradoiros teñen representación por partida dobre. Por un lado a través de Crea Formas Artísticas con Mon Lendoiro e un taller de ilustración os venres ou sábados de xullo, dependendo dos grupos; e por outro coa escritora carballesa Rosalía Fernández, cunha sesión maxistral de Paco Souto, encargados dun obradoiro de creación literaria. Curtametraxes As proxeccións tamén teñen espazo na biblioteca carballesa, neste caso con dúas curtametraxes e unha longametraxe con títulos variados como "El último aliento", sobre o illamento a través da contaminación; "O club da calceta", baseado na novela homónima de María Reimóndez; ou con "Boteime a andar", premio á mellor realización na II edición do Concurso de Curtamentraxes Sociolóxicas. Coma sempre ocorre na Rego da Balsa, os libros tamén son protagonistas, coa presentación das obras "Otra oportunidad", de Geli Romero; ou de "Derribos Arias, licencia para aberrar", de Carlos Rego. Por último a asociación de Irmanamento con L'Isle Jourdain continúa co seu Club de Lectura francófona cada sábado; e o 22 de setembro haberá un faladoiro de Cruz Vermella sobre os proxectos da entidade na vila. Todas as actividades son de balde e se hai limite de aforo é preciso anotarse na propia biblioteca.   Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Biblioteca Rego da Balsa