A Deputación da Coruña bota a andar a campaña "O galego: a miña lingua" nos centros de ensino de secundaria
As poetas Antía Otero, Rosalía Fernández Rial, as contadoras Paula Carballeira ou Aldaolado; Xurxo Souto, MJ Pérez, García MC, Davide Salvado, Monoulious Dop ou Laura Romero do mundo da música; Irene Lourido ou María Yáñez do xornalismo e novas tecnoloxías e Sokram e Mou do graffiti forman parte da ampla nómina de participantes do novo programa co que a Deputación da Coruña quere animar á xente moza a usar a nosa lingua.
A vicepresidenta e responsábel da área de Normalización linguística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, presentou onte en rolda de prensa esta nova iniciativa que pretende “sensibilizar e achegar referentes á poboación adolescente no uso do galego” pois, segundo anotou, “é nestas idades cando se poden modificar actitudes e comportamentos lingüísticos das persoas. O importante é reforzar a condición de lingua propia do galego”.
ReferentesDurante a súa intervención, Goretti Sanmartín anunciou que a nova proposta da Deputación da Coruña botará a andar o vindeiro día 7 de maio, e que, para implementar o proxecto “O galego: a miña lingua”, a campaña contará coa participación de “persoas que son referentes de modernidade e innovación en diversos ámbitos”, como son o mundo da música, o teatro, a narrativa, as artes plásticas, o audiovisual ou o deporte.
A coordinadora do novo programa de dinamización lingüística, Emi Candal, destacou o carácter “ambicioso e ilusionante” que posúe un proxecto “que lle trasladará á mocidade o positivo de empregar o galego, tanto nos ámbitos familiar como profesional”.
Candal enumerou os nomes das/as artistas que interactuarán co estudantado da ESO durante os vindeiros meses, nunha programación que conta cun total de 91 actuacións –divididas en 20 modalidades-, e que a institución deseñou minuciosamente de acordo á realidade lingüística que posúe cadanseu concello.
Nomeadamente, a campaña “O galego: a miña lingua” contará con referentes do mundo da narrativa e a poesía, como Antía Otero, Rosalía Fernández Rial, Paula Carballeira ou Aldaolado; do ámbito musical como Xurxo Souto, MJ Pérez, García MC, Davide Salvado, Monoulious Dop ou Laura Romero; das artes plásticas como Leandro Lamas; do grafite como Sokram e Mou –Mutante Creativo-; ou do sector do audiovisual como Lois Blanco, Gaita Films e Jaione Camborda.
Así mesmo, xornalistas como María Yañez, Fran Cañotas, Irene Lourido, persoeiros do mundo da ilustración e a moda como Cestola na Cachola, ou do ámbito sanitario como Iria Veiga, levarán a cabo até 20 obradoiros inseridos nos diferentes ámbitos en que son especialistas estas persoas co ánimo de persuadir e reafirmar o uso da lingua galega entre o estudantado.
Concellos participantesDeste xeito, as mozas e mozos con idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos, participarán nunha campaña promoción lingüística que visitará durante o presente ano os centros de ensino secundario dos concellos de A Baña, A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Ames, Arteixo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Culleredo, Dumbría, Ferrol, Fisterra, Melide, Miño, Muros, Narón, Oleiros, Oroso, Outes, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Vimianzo, Cerceda, Ordes, Frades, Trazo, Tordoia e Mesía.
Fonte- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Deputación da Coruña