A maxia dos Reis Magos esténdese pola comarca baixo a ameza dun temporal

Dende 4gotas.com pronostican unha víspera de Reis pasada por auga A maior parte dos concellos da Costa da Morte teñen todo preparado para vivir unha das xornadas máis esperadas polos máis pequenos. Antes de facer un repaso pola programación dos distintos municipios cabe deterse nas previsións de 4gotas.com que parecen indicar que na maioría dos casos non poderá saír a cabalgata. Unha borrasca deixará moita auga na víspera do día de Reis en boa parte da Costa da Morte. Ademais da intensidade das choivas é probable que nalgúns puntos veñan acopañadas de granizadas e fortes rachas de vento, principalmente pola tarde. As súas Maxestades tamén terá difícil chegar polo mar debido a que se esperan ondas entre 7 e 8 metros de altura en toda a costa. Centro Comercial Finis Terrae
No centro comercial Finis Terrae de Cee as súas maxestades chegarán ás 18 horas para recoller todas as cartas e sacar fotos con quen o desexe. Cee Pola súa banda, o concello de Cee pecha hoxe a súa programación do nadal cunha cabalgata que terá lugar a partir das 16:30 horas na praza da Constitución. Ademais haberá xogos e música. Muros A vila de Muros vive hoxe a súa tradicional cabalga de Reis que cumpre 50 anos de historia. E para tal acontecemento, nada mellor que un carteiro real, maxestades, música tradicional, espectáculos infantís e moitas máis sorpresas. Carnota
O concello de Carnota pecha a programación do nadal con varias actividades. A partir das 11:30 horas o salón de actos acollerá un contacontos temático "Elefantes que contan contos na véspera dos Reis Magos" onde se repartirán caramelos entre os máis pequenos. E pola tarde, terá lugar a cabalgata dos Reis Magos e o Belén vivente na igrexa do Pindo onde repartirán doces para todos os nenos e as nenas que se acheguen a pedirlles os seus agasallos (grazas á colaboración da asociación Pedramar). Baio Un ano máis, a asociación cultural Adro de Baio é a encargada de organizar a tradicional cabalga de reis que, se o tempo o permite, percorrerá as principais rúas da vila. Logo, os tres Reis Magos achegaranse ata a carpa dos empresarios para recibir alí aos máis pequenos. Carballo
O Concello de Carballo e a asociación xuvenil Fogar da Xuventude organizan a tradicional Cabalgata de Reis que percorrerá hoxe as principais rúas da capital municipal. O itinerario inclúe a chegada dos Reis Magos ás 17.00 horas ao centro comercial Bergantiños-Gadis, de onde está previsto que as súas Maxestades saian ás 17.30 horas. Despois do percorrido, os Reis Magos dirixiranse á carpa situada na praza do Concello, onde recibirán persoalmente aos cativos e cativas. A chegada á praza do Concello está prevista para as 19.30 ou 20.00 horas, aproximadamente, aínda que dependendo das condicións meteorolóxicas podería ser antes ao axilizarse o percorrido. Mentres esperan aos Reis Magos, os nenos e nenas que o desexen poderán gozar de animación de rúa na praza do Concello a partir das 18.30 horas con actividades de globoflexia e xogos ata a chegada da cabalgata debaixo da carpa habilitada diante da casa do Concello. A cita conta co patrocinio do Concello de Carballo e a colaboración do CCB-Gadis e La Caixa, que achegan os 500 quilos de caramelos que se repartirán durante o percorrido. Así mesmo, está prevista a colaboración de Protección Civil de Carballo, a Policía Local, a Brigada de Obras, Automóbiles Caeiro -que cede os vehículos que levan as carrozas- e Alquileres Reneymar -que achega un camión para a cabalgata e instalará calefactores baixo a carpa onde terá lugar a recepción dos Reis. Coristanco
  A súas Maxestades dividen a visita ás parroquias do concello de Coristanco en dous días para o que contan coa colaboración dalgunhas asocacións do municipio. Malpica de Bergantiños Os Reis Magos de Oriente tamén dividirán a súa visita ás parroquias de Malpica entre hoxe e mañá. Laxe
O concello de Laxe pecha hoxe a súa programación de nadal coa cabalgata de Reis e cunha festa infantil. Dende o concello indican que se o tempo o permite, a cabalgata, constituída por tres carrozas ocupadas por Melchor, Gaspar e Baltasar e un total de 9 paxes laxenses, iniciará o seu percorrido polas parroquias do concello ás 15:30 horas. En caso de mal tempo, as súas Maxestades e paxes recibirán a todas as persoas que queiran achegarse ata o polideportivo Municipal de Laxe ese mesmo día a partir das 17:30 horas. Os máis pequenos e pequenas terán posibilidade de entregarlle as súas cartas e recibir unha presada de ricos caramelos. A partir desta hora, no pavillón, haberá organizada unha festa orientada aos máis pequenos e pequenas na que haberá, inchables, obradoiros, xogos e animacións musicais. Ademais, o concello de Laxe fará reparto de rosca de reis e chocolate para todas as persoas que ata alí se acheguen ata agotar existencias. Ponteceso En Ponteceso xa comezaron onte coa visita dos Reis Magos que se adicaron a percorrer todas as cartas e a repartir caramelos entre os nenos e nenas das distintas parroquias que compoñen o concello. Hoxe, as súas Maxestades recorrerán Ponteceso en tren durante a mañá e a continuación haberá unha "Festa Real" no pavillón con inchables, chocolate e roscón. Cabana de Bergantiños O pavillón municipal de Cabana será o lugar elixido polos Reis Magos para recibir aos máis pequenos do municipio. Farano a partir das 19 horas e un pouco antes, ás 17 horas, haberá inchables e obradoiros infantís. Tamén pola tarde, está previsto que as súas Maxestades visiten o centro do día e ás centenarias do concello. Fisterra
Os Reis Magos de Oriente este ano concentraranse en cinco puntos estratéxicos de Fisterra. Durante a mañá non pasarán por todos os lugares en coche senón que se concentrarán nas escolas rurais para ter unha atención máis directa cos nenos e nenas. Dende as 17 ata ás 19 horas habera xogos e inchables na praza da Constitución cos que se lle dará a benvida á cabalgata dos Reis Magos. A compañía Duendesico encargaráse de amenizar a xornada. Dende o concello informan que no caso de que chova, a festa será no pavillón municipal e o horario dos inchables é de 18 a 2o horas. Muxía Os Reis Magos percorrerán hoxe todas as parroquias que compoñen o concello de Muxía e a partir das 17 horas farán unha recepción no polideportivo onde tamén haberá inchables para os máis pequenos. Corcubión  
  A partir das 17 horas parte da casa da Cultura de Corcubión a expedición dos Reis Magos para percorrer os lugares do concello. Está previsto que cheguen ás 18:30 horas á praza de Castelao e media hora máis tarde, instalaránse na igrexa parroquial, para recibir as peticións dos máis pequenos. Camariñas A partir das 12 horas de hoxe os Reis Magos deixaranse ver polas distintas parroquias de Camariñas e xa pola tarde-noite, farán unha recepción real na praza do concello que no caso de que chova se trasladará ao pavillón. O grupo de gaitas "Abrindo Rejo" cantará panxoliñas media hora antes das recepcións oficiais de cada parroquia. Mazaricos
  O concello de Mazaricos e a asocación Eu Son Mazaricos volven a xuntar sinerxias para organizar a Cabalgata de Reis que percorrerá a partir das 16 horas de hoxe as rúas da Picota para rematar na casa da Cultura, onde haberá regalos para todas as nenas e todos os nenos. Estará amenizada polo grupo de gaiteiros O Verán e polos Cabaleiros da Fervenza. Ao remate, chocolate gratis e no caso de que chove os actos trasladaranse directamente ás 17 horas na Casa da Cultura. Vimianzo Os Reis Magos do concello de Vimianzo son uns dos máis madrugadores da comarca xa que ás dez da mañá comezarán o seu percorrido polas parroquias do municipio. ás 20:00 chegarán ao Auditorio da Casa da Cultura e despois da visita dos Magos o alumnado das escolas municipais de pandeireta e gaita ofrecerán un recital de Cantos de Nadal. Desafiando o calendario houbo algúns municipios - como o caso de Zas - nos que xa recibiron o pasado domingo a visita de Gaspar, Melchor e Baltasar.   Santa Comba
  Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
Máis info sobre o tempo: