rede-cultural
Mercedes Peón, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Ses, Milladoiro, Chévere, Talía Teatro, Mamá Cabra,... serán algúns dos espectáculos que se poderán ver nos vindeiros meses na Costa da Morte a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Será un total de 228 actuacións que se incorporarán á programación dos 18 concellos da Costa da Morte e Bergantiños. A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña destacou onte na presentación en Carballo da programación da Rede Cultural a súa “vitalidade na comarca da Costa da Morte e Bergantiños, con propostas variadas e interesantes que achegarán actuacións culturais de calidade á totalidade dos concellos”.
A Rede Cultural move así un orzamento total nos 18 concellos de 532.861,54 € dos que 333.983,72 € son achega da Deputación da Coruña. Para a programación da Costa da Morte e Bergantiños, o orzamento incrementouse desde o ano 2015 en 166.175,39 €, unha vez que a Deputación concedeu a totalidade das solicitudes dos concellos. Das 228 actuacións que se desenvolverán na área, 144 corresponden ao programa “Escena ao vivo”, propostas profesionais de teatro e títeres, música e danza, e 46 á liña non profesional que se agrupa baixo o título de “Alicerce”. Finalmente, a programación incluirá 38 proxeccións cinematográficas dentro do programa “Visións” que ten como obxectivo contribuír á distribución, de maneira especial, da produción audiovisual galega.
“A maior parte da programación correspóndese con concellos de menos de 10.000 habitantes co que a Rede Cultural responde ao fin fundamental que é levar a cultura a toda a poboación, con especial atención aos concellos que teñen máis dificultades para programar”, explicou Goretti Sanmartín Rei que estivo acompañada na presentación en Carballo, o concello máis grande e con maior investimento da área, polo alcalde Evencio Ferrero e o concello de Cultura, Marcos Trigo.
Evencio Ferrero, Goretti Sanmartín e Marcos Trigo presentaron onte en Carballo o programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña
Propostas de todo tipo
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación valorou a calidade da proposta que chegará aos concellos da área da Costa da Morte e Bergantiños cun amplo abano de “propostas dirixidas ao público infantil, concertos, espectáculos de circo ou teatro ademais de cinema que é unha das incorporacións recentes da rede”.
Aos concellos de A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas chegarán espectáculos teatrais de compañías como Talía Teatro, Ibuprofeno Teatro, a Panadaría ou Chévere; actividades para o público infantil de compañías e artistas como Elefante Elegante, Boabab Teatro, Mamá Cabra, Ghazafelhos, Magín Blanco, O Sonoro Maxin ou Títeres Cachirulo; concertos de Guadi Galego, Susana Seivane, Budiño máis Mercedes Peón, Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre, Milladoiro, Sés ou Radio Cos e películas como “Encallados”, “A praia dos afogados” ou “A esmorga”. Corais e bandas compoñen tamén a oferta da Rede Cultural dentro de “Alicerce” con actuacións das bandas de Santa Cruz de Ribadumia ou a de Cee e as corais de Carnota ou Ecos de Chamorro.
“Estamos a poñer os vimbios necesarios para que o sector cultural, o mundo do teatro, a danza, o cinema e a música, podan contar con espazos onde ofrecer a altísima creatividade que existe neste momento na nosa cultura”, apuntou Goretti Sanmartín para quen a Rede Cultural cumpre tamén o “importantísimo papel de estar a contribuír a crear novo público na totalidade dos concellos”.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro destacou o papel da Rede Cultural da Deputación á hora de contribuír de maneira decisiva á programación dos concellos e defendeu a “aposta pola cultura non só como necesidade vital senón tamén pola súa relevancia económica”. “Quero recoñecer o importante esforzo que supón programar esta rede tan intensa e extensa que toca todos os ámbitos culturais e fornece de programación á totalidade dos concellos da área”, apuntou Evencio Ferrero.
Novas relacionadas