O lema “O mundo que queremos” e un debuxo da carballesa Laura Tova motivan e ilustran a XII Semana do Libro e da Lectura de Carballo, que se celebrará no pazo da Cultura do 24 ao 28 de abril, organizada pola asociación Socio-Pedagóxica Galega e o concello carballés - co patrocinio da fundación Luis Calvo Sanz e a colaboración de Kalandraka e outras editoriais que cederon libros para o evento, como Baía, Cumio, Galaxia, OQO, Urco e Xerais - . Serán cinco intensos días pensados para e protagonizados polos máis cativos, os alumnos de infantil e primaria dos colexios carballeses máis o veciño CEIP Canosa-Rus.
Como en pasadas edicións, o programa deste ano repartirase en actividades de mañá (para o alumnado dos centros de ensino) e de tarde (abertas a todo o público) nas que se citarán a música, a poesía, os contacontos, a maxia, a ciencia, o debuxo, as exposicións...
A XII semana do Libro e da Lectura de Carballo presentouse onte no pazo da Cultura nunha rolda de prensa na que interviñeron o alcalde - Evencio Ferrero - ; o concelleiro de Cultura - Marcos Trigo -; e Carmen Vilariño, en representación da asociación Socio-Pedagóxica Galega. Trigo salientou o interese da Semana “de poñer en valor todo o mundo da difusión do libro e da lectura, pero tamén para facer aos cativos partícipes deste traballo que leva xa meses ocupando ao alumnado dos colexios de Carballo máis o CEIP Canosa Rus”. Trigo agradeceu o esforzo de quen fixo posible as exposicións permanentes (tanto Kalandraka e as demais editoriais participantes como o Salón do Libro de Pontevedra) e, en especial, o da fundación Luis Calvo, patrocinadora da Semana, “polo seu compromiso co mundo do libro e coa sociedade carballesa en xeral”.
Carmen Vilariño compartiu o agradecemento da asociación Socio-Pedagóxica Galega ao concello de Carballo, “pola súa implicación nesta campaña de fomento da lectura entre os máis pequenos, que é onde hai que crear escola”. Pola súa banda, o alcalde afondou no lema. “Hai que soñar co mundo que queremos, cun mundo que permita a convivencia e a igualdade, e que todos os pobos se expresen con total liberdade”, engadiu.
Evencio Ferrero, Carmen Vilariño e Margos Trigo presentaron onte a XII semana do Libro e da Lectura de Carballo
Actividades para os centros de ensino
O luns, día 24, están programados para o alumnado de 3° de primaria os obradoiros "Arte con bacterias", con Vermislab, nos que os rapaces e rapazas crearán de xeito artístico unha mostra de bacterias, imitando o seu comportamento e crecemento; "Se eu fose un verso", co escritor Antón Cortizas, que proporá unha mirada á beleza das palabras a través da poesía e "Trala porta", coas artistas e ilustradoras Laura Tova e Alexandra Martínez, quen lle descubrirán aos nenos e nenas os segredos agochados tras as porta das casas.
O martes 25, Ghazafellos Teatro interpretará “Rubicundo”, unha adaptación desa obra da escritora ceense María Canosa na que caben o a música, o baile, o humor e o clown e que está dirixida ao alumnado de 1º e 2º de primaria.
O mércores 25, para os cativos e cativas e educación infantil, chegará ao pazo Odaiko cun espectáculo escénico e musical onde son protagonistas o humor e a creatividade. O xoves 26 haberá tres talleres diferentes para o alumnado de 5° de primaria. Con "1, 2, 3, esta historia está do revés" a escritora Eli Ríos aprenderalles a escribir moreas de contos e historias coa volta dada e do dereito. En "Ciencia ou maxia" Ceo Aberto seguirá o método científico para formular hipóteses e chegar conclusións que poderían parecer experiencias case máxicas. E a actriz e contacontos Soledad Felloza, no taller "A noite da visita e outros contos", achegará aos rapaces e rapazas a tradición oral.
O venres 26, para o alumnado de 3° e 5° de primaria, hai espazo para a plastilina condutiva con "Luces da miña cidade" e Ceo Aberto, un obradoiro para aprender con aquel material que permite que os nosos edificios incorporen luces e elementos eléctricos. Ademais, a ilustradora María Lires axudará aos nenos e nenas, no taller "Debuxando o mundo que queremos", a construír unha grande ilustración comunal con lapis e papel. E, actividade final, o Mago Marco dará clase nunha Escola de Maxia como a de Harry Potter, para estimular a fantasía e a imaxinación dos aprendices, que fabricarán os seus propios trebellos máxicos. Este ano haberá un premio ao mellor traballo realizado polo alumnado nos obradoiros.
Actividades abertas
As actividades abertas a todo o público están programadas para as 18:30 horas. O luns 24 toca, "Contos e leiras", con Daboapipa (Vero Rilo). O martes, 25, "Camiñando entre estrelas", con Ghazafelhos Teatro, nun viaxe polo cosmos. O mércores 26, "Bailar nas nubes", con Soledad Felloza e unha amiga moi especial que soña con bailar coas nubes, pero a súa casa está pegada á terra moi lonxe do ceo. O xoves 27, "Un mundo redondo para contar contos", con Andrea Bayer (Baobab Teatro), que nos levará a lugares afastados sen movernos do sitio. Clausurará a Semana o espectáculo de “Maxia para soñar" do Mago Marco.
Exposicións
Durante a Semana do Libro tamén se poderán visitar no pazo da Cultura carballés tres exposicións en horario de 9:30 a 14.00 horas, para os centros de ensino; e de 18 a 20 horas para o público en xeral. Poderase visitar a mostra que montará a editorial Kalandraka, tamén a dos libros cedidos polo Salón do Libro de Pontevedra, así como a expo dos traballos realizados polas alumnas e alumnos dos centros de ensino carballeses.
Máis información