#AdeusTwitterAdeusFollowers

Facemos nosa a iniciativa que están a desenvolver, con gran éxito, os compañeiros e amigos de Equipaxedeman.com. Un blog colaborativo de viaxes que nacía hai ano e medio dende o corazón da Costa da Morte, e no que xa comparten historias unha ducia de almas aventureiras orixinarias.

Se ben é certo que Equipaxedeman.com naceu para axudar na loita por un espazo para o galego nas redes, esta semana está máis que nunca presente esa idea coa proximidade do día 17 de maio e a través da posta en marcha dunha campaña para conseguir que o maior número posible de persoas comparta nas redes sociais Facebook, Twitter ou Instagram as súas fotografías cun libro en galego usando o hashtag #AdeusTwitterAdeusFollowers.

O seu Facebook o Twitter @equipaxedeman e o Instagram botan fume estes días con esta iniciativa para lembrar o Día das Letras Galegas.

E nós o facemos con esta pequena escolma de libros que fumos xuntando estes anos na redacción, dando conta da boa creación que hai na nosa bisbarra.

Galego e rede

O espazo na rede, escrito nun 90% no idioma galego, arroxou no último mes os mellores datos de seguimento cun total de 2.980 visitas e 4.431 páxinas vistas según o servizo de Google Analytics, contribúe á unha maior difusión da lingua e cultura galegas.

Segundo os vaticinios da UNESCO, cando o século XXI expire, terán desaparecido arredor da metade das 6.500 linguas existentes na actualidade no mundo. Tendo en conta que o galego figura como lingua minorizada á causa da persecución sufrida ó longo da súa historia, é fundamental o seu uso, tamén a través da rede, para contribuir ó proceso de normalización lingüística.
É difícil coñecer a verdadeira presencia deste idioma na rede, básicamente por unha cuestión metodolóxica: número de páxinas web en galego con respecto a falantes desta lingua, número de webs en galego con respecto a outras páxinas, etc. Con todo e con iso, lingüistas como Xosé Manuel Pérez Sardiña apuntan a que “un bo indicativo da saúde do idioma na rede é fixarse na súa actividade en Wikipedia, e neste senso o galego ocupa o posto 46 en número de páxinas vistas e o 47 en cantidade de artigos escritos nesta lingua”.
Asimesmo, para Pérez Sardiña “os datos da Galipedia (Wikipedia en galego) son moi alentadores, xa que comeza a ter cada vez maior número de visitantes pasando no ano 2012 do posto 52 en páxinas vistas ó 43 na actualidade”.
Nos últimos anos foron xurdindo ducias de webs en galego, múltiples ferramentas de comunicación online como dicionarios, tradutores, corretores, prensa, revistas ou blogs especializados, así como o logro de que Google ofreza parte dos seus servizos neste idioma, e redes sociais tan importantes no tránsito diario como Facebook ou tuenti xa se achan en galego tamén. Conseguir o propio co servizo de microblogging de twitter é un dos próximos obxectivos.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).