Agosto despídese cunha completa #AxendaCostadaMorte

Agosto, o mes por excelencia das festas, chega ao seu fin. E faino cunha completa #Axenda na que o verbeneo ten un peso importante. Pero tamén hai outras alternativas de ocio en distintos puntos da Costa da Morte. En canto as actividades ao aire libre, terán que estar pendentes das variacións na web de 4gotas.com xa que, climatoloxicamente falando, a fin de semana vén cun tempo moi incerto. Parte Costeiro de 4gotas.com Unha pequena borrasca achegarase a Galicia durante o día de hoxe, pero coa posición que tomará o anticiclón non será quen de chegar pasar por riba nosa e o máis probable é que se desprace paralela á costa oeste galega entre o final de hoxe e mañá, colocándose en fronte de Oporto durante o domingo. Nese movemento deixará vento do sur, frouxo, calor no interior de Galicia e moita inestabilidade por mor do aire frío que a borrasca ten asociado en altura. Con esta situación o mellor consello é estar atento ás actualizacións do prognóstico na web, porque a pouquiño que o movemento da borrasca non coincida co prognósticado as consecuencias no tempo van ser moi distintas. En principio falaremos dun venres e dun sábado secos (con calor, ou máis ben con sensación de bochorno) con moita humidade. O domingo o risco de chuvias será máis alto, pero só pola tarde e especialmente no interior da Costa da Morte. No litoral norte será unha xornada con moitas nubes, mentres que no litoral oeste predominará o sol, ata media tarde, cando aumenten as nubes e mesmo chegue algún chaparrón puntual.  

Festas

  • Malpica celebra esta fin de semana as súas Festas do Mar. As actividades arrancan xa hoxe pola mañá co concurso de Barcanas e Castelos de Area e continúan ata o domingo onde a música terá moito protagonismo.
  • Tamén dende hoxe, mañá e o domingo, a localidade camariñana de Arou celebra as festas de San Bartolo.
  • Hoxe, mañá e o domingo estarán tamén de festas no Val de Sardiñeiro para honrar ao Sagrado Corazón de Xesús. Ademais dos actos litúrxicos haberá moita troula.
  • En Nantón (Cabana de Bergantiños) celebran hoxe e mañá as festas na horna á Virxe do Carme.
  • En Mira (Zas) celebran mañá sábado a tradicional romaría de San Roque do Monte. As misas comezan xa dende as 11 da mañá e a sesión vermú estará amenizada pola orquesta Latyn Gala Show que tamén actuará á tarde-noite xunto co grupo M-5 Galicia.
  • En Canduas comezan mañá tres días de festas con moita música por diante.
  • Mañá e o domingo, en Dumbría celebran as festas do Carme. O sábado a verbena correrá a cargo das orquestas Atenas e Cinema e o domingo será o turno de Costa Dorada e da disco móbil CDC.
  • Na parroquia laxense de Traba celebran dende mañá e até o luns a Romaría dos Milagros na que os actos litúrxicos se misturarán co son das orquesta.
  • En Coiro (Mazaricos) celebran mañá e o domingo a Romaxe onde non faltará o xantar popular nin a música de orquesta.
  • Entroido de verán en Corme.  As festas de San Roque de Corme chegan cun completo programa que comeza mañá co simpático e xa tradicional Entroido de Verán. Ademais, do domingo 27 de agosto ao martes 29, verbeneo máximo. Entre as citas singulares, a xornada de Fútbol Gaélico que acollerá o campo do Cairo o domingo ás 18 horas.

Exposicións

  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 20:30 horas. Visitas guiadas gratuítas: sábado e domingo ás 12 e ás 19 horas. Visitas teatralizadas. Todos os domingos de xullo e agosto ás 13 ás 17 horas os personaxes Roi e Elvira relatan o pasado do castelo.
  • Conxunto etnográfico do Mosquetín. Visita guiada e demostración do funcionamento dos batáns e muíños todos os sábados e domingos ás 13h e ás 18h.
  • Sala Antón Mouzo. A artista Teresa Candal expón Matriz, unha mostra pictórica “metáfora do nacemento” na que o corpo da muller é o protagonista. Pódese ver na Sala Antón Mouzo, na Casa da Cultura de Vimianzo, até o 20 de setembro. O horario en agosto é de luns a venres de 9 a 15 horas; e en setembro de luns a venres de 9 a 20 horas e os sábados de 9 a 13 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, abre todos os días (de luns a venres de 11 a 20 horas e sábados e domingos de 11 a 21 horas). Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas. O domingo, ás 19:30 horas, haberá visita guiada teatralizada da man de Os Quinquilláns.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas. Os Quinquilláns guiarán as visitas teatralizadas todos os sábados do mes de xullo e agosto ás 17:30 e ás 19:30 horas.
  • Do 12 ao 31 de agosto abre de novo as portas da Casa das Peritas de Fisterra cunha mostra que leva por título “Arredor da familia e outros contos”. Mañá, ás 20 horas, terá lugar a inauguración.

Outras citas

  • Olaia Sendón presenta este domingo na vila do Cristo, o documental "Fisterra, Carne de Safari".
  • Ruta do "Megalitismo Somerxido". O concello de Vimianzo organiza para mañá unha ruta polo encoro da Fervenza onde os participantes descubrirán ata sete mámoas.
  • Obradoiro de Olería no patio do Castelo de Vimianzo. Mañá a partir das 17 horas, membros da Olería Cambón impartirán un taller para traballar co barro.
  • Concertos nas Torres do Allo. Esta fin de semana hai dúas citas musicais nas Torres do Allo. A 1ª delas é hoxe ás 20:30 horas, cun concerto de música clásica da man do violinista Kamo Petrosian. E xa o domingo, tamén ás 20:30 horas, Xoán Curiel e Iris Gey ofrecen outro concerto que leva por título “Ao encontro de Martín Códax” .
  • Concerto en Corcubión. O pub Dados acolle esta noite, a partir das 23:30 hora, un concerto da man do trío da Bakin, Turnes&Casquero&Ferrández.
  • XI Solpor Poético en Laxe. A praia dos Cristais acolle mañá sábado, ás 20 horas, a entrea de premios do XI Certame de Poesía Antón Zapata.
  • Acción Natulóxica no Centro Comercial Finisterrae. A poesía cítase mañá en Cee a partir das 20 horas.
Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)