Volve á aldea do Couto a milagre do Festiletras, que se celebra os días 23 e 24 de agosto

A aldea do Couto prepárase para unha nova edición do Festiletras, que celebra este ano a súa 43ª edición cun entusiasmo renovado e unha gran acollida por parte do público. O festival literario, artístico e comunitario máis singular de Galicia prepárase para os seus días grandes, 23 e 24 de agosto, demostrando que a aldea está máis viva ca nunca.

O Festiletras continúa a ser moito máis ca un evento cultural: é unha celebración da lingua, da identidade e do compromiso dunha comunidade que converte unha pequena aldea nun epicentro de creación, resistencia e festa. A implicación da veciñanza e a forza comunal son o pulo que garante o éxito de cada edición, facendo deste encontro un referente único que vai alén das fronteiras.

O programa:

Sábado, 23 de agosto. Festa, palabra e música pola aldea

O sábado arrinca ás 11:00 cos Cabanotes da aldea, onde terá lugar a XLIIIª Feira de Artesanía, xunto ao Xº Encontro de Aldeas Singulares na Eira da Cantexa e actividades infantís no Quinteiro, como os obradoiros “Miudiño” e a instalación “Artesáns do vento” de Luís Pena Río.

A mañá avanza co Pasacabanotes da Requinta de Lampai e o Roteiro Teatralizado con Suso Martínez (11:30). Ás 12:00, o público poderá gozar de Vero Rilo, Anxo Moure, e do Alalá do mar no eira de Xan da Vella.

A música continúa con Eris Mackencie (13:00) e De Ninghures na Eira da Fundación ás 14:30.

Pola tarde destacan:

  •  Willow GHZ, Carlos Blanco e Rompecinturas Selector na Eira de Pontedona e na Eira de Pailetes.
  • Palestra de Séchu Sende: “O povo improvisador” na Eira da Cantexa.
  • Espectáculos para público familiar con Migallas e Pulpiño de Viascón na Rúa Travesa e novo pasacabanotes cos Faíscas da Pontraga.

A noite pecha cun trío estelar na Eira da Fundación: Caamaño & Ameixeiras, Dulzaro e os agardados ZETAK (21:30).

 

Domingo, 24 de agosto.  A festa continúa co talento máis fresco
O domingo continúa a actividade dende primeira hora, con:

  • A feira de artesanía, contos de Gloria Mosquera na Eira da Cantexa, e xogos e animación no Quinteiro con Anxo Moure.
  • Os Farrapos no Pasacabanotes e Pablo Carpintero en Xan da Vella (11:30).
  • Actuación de Paco Nogueiras con Brinca Vai! (12:00) na Rúa Travesa e concerto de Abril na Eira de Pailetes (13:00).

Pola tarde destacan:

  • Ortiga na Eira da Fundación (14:30)
  • Escuchando Elefantes na Eira de Pontedona (16:00)
  • Contacontos con Vero Rilo na Rúa Travesa e espectáculo de Xosé Manuel e Icía Varela na Eira da Cantexa.
  • De novo Pasacabanotes con Donaire e Vanessa Rivas subida aos zancos.

Ás 20:00, Fran Sieira presenta Ceibe no Quinteiro e Karaoke con Esteban na Eira de Pailetes.
A noite remata por todo o alto con Boyanka Kostova e Baiuca na Eira da Fundación (21:00), fusionando tradición e vangarda
coa forza da música que nace aquí para o mundo.

Durante toda a fin de semana, haberá exposicións como Fillas das Mareas (exposición do traballo das mulleres do mar da Ría de Corme e Laxe e Malpica a través das redeiras, mariscadoras e pescantinas), a proxección do documental Saberes (viaxe polos oficios, relacións sociais, lecer de homes e mulleres da nosa contorna), gastronomía local (lembranza dos produtos do mar), espazos creativos (da man de artesáns e artesás do vento que promoven unha serie de obradoiros relacionados co aproveitamento do medio natural e dos instrumentos tradicionais), Leiring (acampada e aparcamento gratuíto nos espazos cedidos pola veciñanza) e Tornarratos (mini espazo de visionado continuo de documentais da lembranza), e toda a maxia dunha aldea que vive por e para a cultura.

O Festiletras 2025 non é só un festival: é unha experiencia viva que se renova co alento colectivo dunha comunidade. Na aldea do Couto, cada verán, a cultura fai milagre.