As praias carballesas convírtense en bibliotecas ao aire libre gracias ao Bookcrossing

Tempo de praia, tempo de surf, pero tamén tempo de lectura. Que mellor momento para ler unha boa historia, e por iso a iniciativa das Bibliotecas de Carballo do “bookcrossing” (ese xeito libre de compartir libros) chega, despois de pasar pola Praza dos Libros, ás praias de Razo e Pedra do Sal.

Segue así espallándose o virus da lectura de xeito que os e as veraneantes, ademais de pasear, bañarse e tomar o sol (se o tempo o permite), poderán desfrutar das lecturas máis refrescantes do ano á beira do mar gozando dos libros tamén durante o verán.

A iniciativa, inspirada no bookcrossing, pretende converter os nosos areais nunha gran biblioteca ofrecendo aos visitantes un servizo publico de lectura sen necesidade de que ninguén teña que traer o libro da casa. O funcionamento é moi sinxelo e consiste en tres pasos: “atopa, le e libera”. Para atopar os libros abonda con achegarse ao puntos de intercambio, instalados nas bases de salvamento e socorrismo de Razo e Pedra do Sal, e rexistralos. Unha vez seleccionado o exemplar, o usuario/a poderá levalo consigo e desfrutar da súa lectura onde e cando queira. Finalmente, o libro liberarase deixándoo no mesmo punto ou noutra zona oficial bookcrossing.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/carballo-espalla-o-virus-da-lectura/