As principais citas da #AxendaCostadaMorte para esta fin de semana

Teatro, cine, magostos, unha homenaxe a Paco Souto, as festas do San Martiño,... son algunhas das citas máis importantes da #Axenda da Costa da Morte para esta fin de semana. Unha rica e ampla axenda con actividades para todos os gustos. Antes de ir cas citas repasamos o parte costeiro dos amigos de 4gotas Será unha finde anticiclónica, pero anticiclon non é igual a sol. O vento será do noroeste gran parte da finde que achegará moita humidade a toda a Costa. O venres será o día con máis claros e con temperaturas máis suaves. No mediodía e nas primeiras horas da tarde abriranse claros. O sábado será un día máis gris no norte e no interior, quedando máis claros e temperatura máis agradable no litoral oeste. O domingo será o día máis gris e con chuvias febles durante gran parte do día. A vindeira semana será seca, semella que ata o vindeiro sabado

Teatro e cine

  • Teatro en Malpica. Ás 20:30 horas de hoxe, o centro cívico de Malpica acolle a obra "O Furancho", de Ibuprofeno Teatro e que recibiu no 2016 un premio María Casares. A cita enmárcase dentro da XIII edición da Mostra de Teatro organizada polo concello de Malpica.
  • Teatro en Vimianzo. Teatro do Noroeste trae mañá á Casa da Cultura de Vimianzo a súa obra "Estado de graza. Epifanía da mala filla" dentro da programación cultural que organiza todos os outonos o departamento de Cultura vimiancés.
  • Teatro en Ponteceso. O salón de actos do edificio das Escolas de Ponteceso acolle mañá, ás 22:30 horas, a obra de teatro "Ubú Rei".
  • Teatro en Fisterra. O colectivo cultural Ollomao, da Mariña-Lugo, representa mañá no salón de plenos do concello de Fisterra a obra de teatro "Oé, oé, oé". A cita comeza ás 20 horas.
  • Cine-Fórum en Santa Comba. O concello xalleiro adianta os actos do 25N - día contra a violencia de xénero - cun ciclo de cine-fórum. A primeira cita é hoxe, ás 22 horas, no edificio Multiusos onde se proxectará a película "Princesas".
  • Cine en Muros. O auditorio do centro cultural de Muros acolle mañá a proxección do filme "Encallados"; unha historia sobre tres mozos que queren facer unha película sobre o afundimento do Prestige. A cita comeza ás 21:30 horas.

Homenaxe a Paco Souto

Magostos

  • Magosto en Muxía. O paseo marítimo de Muxía acolle mañá, a partir das 18 horas, un magosto organizado pola asociación Abaladeiras e o concello. Ademais do tradicional asado de castañas, haberá obradoiros infantís e xogos tradicionais. Tampouco faltará a música tradicional de man de distintos grupos da bisbarra.
  • "O verán do San Martiño en Dombate". Hoxe, entre as 10 e as 14 horas, celébrase no centro arqueolóxico Dolmen de Dombate a festa tradicional do San Martiño no que haberá castañas, xogos populares, actuacións musicais, visita teatralizada ó Dolmen de Dombate e viaxe no tren arqueolóxico por Borneiro. Participarán máis de 300 escolares do municipio.

Festas

  • Festa en Vilaseco. En Vilaseco, Vimianzo, celebran mañá as festas na honra a San Martiño. A orquesta Ritmo Joven encargarase de amenizar a sesión vermú e pola noite compartirá escenario con Aramio.

Exposicións

  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas. Visitas guiadas gratuítas: sábado e domingo ás 12 e ás 19 horas.
  • Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, abre sábados e domingos e festivos  (de 11 a 19 horas). Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.
  • A Casa da Cultura de Vimianzo acolle dende hoxe a exposición "Teatro do Atlántico 30 anos actuando" na que se fai un percorrido pola traxectoria dunha das compañías máis lonxevas da comunidade. O acto de inauguración, ao que asistirá a actriz Luma Gómez e a responsable de Chiripa Produccións Eva Alonso, terá lugar hoxe ás 12 horas.

Outras citas

  • IV xornadas micolóxicas en Zas. Charla, saída de campo, degustación,.. son os principais ingredintes destas xornadas (organizadas polas asociación de veciños Barolo en colaboración co concello - que terán lugar entre hoxe e mañá en Zas).
  • Presentación literaria en Carballo. A libraría Punto e Coma acolle ás 19 horas - conmemorando o día das Librarías - a presentación do libro “Lendas da Costa da Morte” de Xan Fernández Carrera, contando coa presenza do autor. A entrada é de balde até completar aforo.
  • Fin de semana dos Naufraxios en Camariñas. Dende hoxe e ata o domingo terán lugar na vila unha serie de actos en memoria dos naúfragos da Costa da Morte e do Serpent.
  • Live in Cances. O local social acolle mañá o festival Pop-Rock Live in Cances, organizado pola A.C. Sancampio, que xa vai pola súa XII edición.
  • Obradoiro de regueifa no Couto. Como todos os sábados do mes de novembro, a casa dos Veciños de Couto acolle un obradoiro de regueifa da man de Lupe Blanco, a nova regueifeira de Bergantiños.
  • Outono en Marcha con Senda Nova. O domingo pola mañá, os membros da asociación ambiental Senda Nova guiarán un roteiro - 14 quilómetros de percorrido - que discorrerá por Razo e Baldaio.
  • Festival IncluSón. Este domingo, o pazo da Cultura de Carballo acolle unha das citas máis fermosas do panorama cultural costeiro:  o Festival Inclusón, organizado por Aloumiños. A cita comeza ás 18:30h coa presentación de "Aire", o novo traballo da familia María Fumaça.
  • I feira local do comercio de Cee. Distintos establecementos da vila expoñen esta fin de semana os seus productos no pavillón municipal. As portas están abertas o sábado e o domingo dende as 11 horas até as 21 horas.
Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)