Axenda dunha fin de semana de pinchos, festas e libros
Última fin de semana maio collendo tamén o primeiro de xuño. Xa comeza o verán, aínda o fagamos cun tempo bastante gris, se ben máis polo norte que polo sur, como nos avanzan os amigos de 4gotas:
A fin de semana estará marcada pola presenza anticiclónica sobre a Costa da Morte. Pero iso, non garante o sol e a calor.
Teremos que falar outra vez das dúas metades. De Muxía a Malpica haberá moitas nubes toda a finde. Abrirase algún claro o sábado pola tarde e semella que tamén o domingo no mediodía.
Pola contra, de Muxía cara o sur, falaremos de bastante sol. O venres aínda coa presenza de nubes, pero que no mediodía deixarán bastante sol. O sábado e o domingo, predominará o sol. As temperaturas subirán un pouco superando os 20ºC polo que poderemos achegarnos á praia, aínda que sen moita calor.
O vento en toda a Costa será moderado do norte-nordés toda a finde.
Gastronomía, festas, teatro, libros, andainas…
Completísima vén a fin de semana, en todo caso. Teremos variedade ademais, con protagonismo para os libros (dous dos nosos artistas presentan as súas creacións), para a gastronomía, para o teatro, as festas, o sendeirismo, a música…
E comezamos o repaso a golpe de vernes, e co plato na mesa, ou na barra, coa fantástica proposta do Carballo por eTapas, unha iniciativa na que participan 21 bares carballeses. Teremos tamén, e seguindo en clave gastronómica, a Feira dos Sabores de Cee, cunha completa ruta dos pinchos polos bares durante toda a fin de semana. Teremos tamén sesión vermú e verbena, tanto venres como sábado, nas Festas da Rabadeira de Coristanco, que arrincaron o xoves. Xa en clave social, poderemos asistir á charla de Queremos Galego en Corcubión, e xa a nivel cultural, unha das citas da fin de semana, a Presentación do libro de Suso Bahamonde, que terá lugar en Cee.
Poderemos aproveitar para disfrutar do monólogo de César Cambeiro tamén en Cee ou do Concerto do vimiancés Serj na vila da Xunqueira.
E atentos, que ademais das Festas da Rabadeira, teremos tamén as Festas de Brandoñas, Zas.
O sábado arrincará coa Andaina Costa da Morte desta volta polas terras de Fisterra. A cita cultural do sábado será a Presentación do libro de Suso Lista en Corme. E ollo coa Gala Casting do Asalto ao Castelo de Vimianzo, onde se buscan actores, e podes ser ti!.
Ao mediodía é na noite do sábado teremos tamén as grandes Festas do Anxo da Garda de Coiro, Mazaricos, nada menos que ca París de Noia; as Festas da Milagrosa de Lamas, Zas, e unha Churrascada festiva en Laxe.
Amence o domingo tamén de camiño, coa Primavera en Ruta de Senda Nova por Caión. En Carballo teremos o XXXIII Día da Muiñeira. En Baio a Clausura da VII Escola de Teatro Municipal de Zas, e como non podía ser doutro xeito, para pechar a fin de semana, toca irnos a Vimianzo, co comezo do “Mes do Noso”, e a representación teatral infantil da Escola Municipal vimiancesa.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).