Axenda para unha gran Semana Santa na Costa da Morte
Como cada ano, a Semana Santa prevese interesante na Costa da Morte. É unha das épocas onde máis movemento temos, tanto turístico como cultural. E este 2014 a cousa non vai ser menos, coas grandes citas como son as Festas do Cristo de Fisterra, a Mostra do Encaixe de Camariñas ou a Mostra Vídemo Ver de Carnota, pero moito máis. Exposicións, festas, mostras, exposicións, concertos, verbenas, gastronomía, e moita devoción para esta esperada ponte, que vén ademais, con bo tempo, como nos contan os amigos de 4gotas:
O mércores as néboas serán protagonistas en moitos puntos pegados ao litoral da Costa. Deixarán as máximas nos 19-20ºC.
O xoves amencerá con néboas. No sur de Fisterra desaparecerán a media mañá, pero nos arredores de Malpica permanecerán ata a tarde. De Muxía a Muros volveremos a gozar dun día de praia, con máximas preto dos 25ºC
O venres haberá bastantes treboadas en Galicia, pero ningunha debería afectar á Costa da Morte e volverá a predominar o sol, malia que cun descenso nas temperaturas máximas que quedarán nos 20-21ºC. Máis xustiño, pero aínda se poderá desfrutar do mar.
Na fin de semana é moi posible que se compliquen as cousas. Descenderán bastante as temperaturas, haberá moitas nubes e choverá de xeito intermitente con algunha treboada illada e algún deses chuvascos será forte.
De calquera xeito, o prognóstico da fin de semana aínda está no aire. Non é 100% fiable, polo que é recomendable visitar www.4gotas.com o xoves ou o venres para confirmalo.
Así, con esta predición, pode ser unha data para coñecer eses puntos claves que nos faltan por coñecer da bisbarra, como o Cabo Fisterra, o Cabo Touriñán, na subida organizada ao Monte Pindo ou a Fervenza do Ézaro, que ademais estará iluminada as noites do 17 ao 20 de abril de 22:00h a 23:00h, unha ocasión ideal para ver este tesouro.
As grandes citas
Comezamos así o repaso da Axenda polas grandes citas. E o facemos pola Semana Santa de Fisterra, na que as procesións serán unha constante, verdadeiramente auténticas, cheas de fe e respecto. Se ben as procesións xa comezaban o pasado venres e continúan ao longo destes días, a cita máis salientable é a representación teatral da Resurrección de Cristo, que se dá o domingo pola mañá, e á que sempre acoden milleiros de visitantes.
E haberá devoción, pero tamén troula, que en Fisterra dan para todo. E veñen cargadas as Festas do Cristo, con verbeneo sábado, domingo (coa mesma Panorama) e luns.
Cambiamos devoción por artesanía e deseño para irmos ata a XXIV Mostra do Encaixe de Camariñas. 5 días completos de desfiles, demostracións en vivo, charlas… que convirten unha tradición como o encaixe na vangarda da moda mundial.
Ademais, e para que tampouco falte a troula, a Mostra virá acompañadas da Romería da Virxe do Monte, con verbena tamén sábado, domingo e luns.
Outra das citas que está convertíndose en referencia é a Mostra Vídemo Ver en Carnota. Nesta 3ª edición volve con exposicións de artesanía, demostracións en vivo, un mercado de agricultura ecolóxica… todo co produto local como protagonista. Ademais, terán 3 probas deportivas: II Carreira Viquinga, o Open de Pesca e a III Ruta BTT.
E para os máis devotos, recomendable a Semana Santa de Corme.
Gastronomía
Deixa a ponte espazo para disfrutar da gastronomía costeira, e a cita máis singular e auténtica é a Festa do Congro de Muxía, que permitirá aos visitantes degustar este manxar tan propio da vila da Barca durante todo o venres.
Ademais, en Ponteceso e para o sábado, máis gastronomía co Concurso de Pinchos polos Bares.
De música e verbenas
Xa falamos das Festas do Cristo e da Romería da Virxe do Monte, pero tamén teremos para para o mércores a Festa da Xuventude de Traba; e para o xoves 17, a Festa da Xuventude de Malpica.
Para os amantes da outra música, teremos tamén a posibilidade de ver aos Gost in the Machine na Ventana de Laxe a noite do venres emais a Serj en concerto en Muxía na noite sabatina.
Teremos tamén un expectáculo de maxia en Cee o venres pola noite.
E tamén en clave cultural, poderemos asistir á seguro emotiva Presentación do novo fisterrán de Modesto Fraga.
Museos e exposicións
E de paso que imos de arriba para abaixo podemos propoñer a visita a varias exposicións, como a exposición de fotos de Marcos Rodriguez no Faro Fisterra, a de Xesús Búa en Vimianzo, a de Pablo Damonte en “Corcumbión”, que se complementará coa clube de lectura da UCV, ou a exposición de pintura sobre faros que hai no Vilán.
Ademais, en Ponteceso estará aberto o Museo do Xoguete MELGA, así como en Corme estará aberto o Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte. E en Buño tamén se pode visitar o Museo do Forno do Forte.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).