#AxendaCostadaMorte da fin de semana de Enterros no Entroido

Se a anterior foi potente, case que esta segunda fin de semana, a do End-Troido, chega máis cargada aínda. Xa vimos nos Programas de Entroido dos Concellos da Costa da Morte, que os Enterros recuperan cada ano máis esplendor así que imos repasar todas as citas que recollemos na Axenda Costa da Morte.

E para que saibamos como vén o tempo, que mellor que o exclusivo parte costeiro dos amigos de 4gotas.com:
Mañá venres será un día moi gris, con chuvias durante gran parte do día.
O sábado irán a menos, pola mañá aínda quedarán, abríndose tímidos claros entre Fisterra e Muros a partir do mediodía, quedando máis gris os arredores de Malpica e Muxía.
A madrugada do domingo non choverá, na mañá semella que tampouco, pero o domingo pola tarde, ou mesmo ao mediodía chegarán novas chuvias. Aínda non está claro o momento da chuvia, consultade as actualizacións na web.

Venres cultural

E como previa, a tarde do venres teremos un par de citas culturais, a presentación dun libro sobre o devalo demográfico de Galicia, así como a completísima Gala Xalleiros de Santa Comba.

O gran Sábado de Piñata cheo de Enterros

Arrincará o sábado co recuperado polos veciños, o Enterro da Sardiña de Corcubión, que se fará en clave de sesión vermú para non interromper o entroido veciño. Tamén ao mediodía poderemos ir disfrutar da Ruta dos Pinchos de Muxía, para ir quecendo motores pensando no Enterro do Percebe Corrupto muxián.

Tamén teremos o Enterro da Sardiña de Lariño; e outra das citas máis auténticas será o Enterro do Polbo no Entroido de Fisterra, que quere recuperar a súa sona.

A nós tocanos de xurado no Concurso de Comparsas do Entroido de Cee pero atentos haberá que estar ao movido Entroido de Baíñas.

En todo caso, parece que a troula máis xigantesca terá acento de Bergantiños. É o Enterro da Mikaela de Buño a gran atracción para a mocidade da volta. A partir das 17:00h arrinca o fantástico Vía Crucis de Bares que non remata ata ben entrada a madrugada.

Unha cita que se prolonga ata o domingo en Malpica, coas fermosas citas co Entroido de Cerqueda cos seus Madamitos e Ghuadineros, asó como co Cocido do Farruco de Malpica e o Faustino de Malpica, que camiñarán xuntos cara o seu fin por primeira vez.

Estaremos atentos a outras citas, pois o sábado Corcubión acollerá a presentación dun libro sobre Naufraxios, ao tempo que arrincan por Muros os Concertos da Caverna.

Así, para o fominfo, ademais das citas entroideiras por Malpica, poderemos disfrutar da programación continua de Vimianzo, con outra actuación infantil do Febreiro Pequeneiro.


Novas relacionadas

Máis información

Tendes toda as citas debulladas en:


Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).