#AxendaCostadaMorte: Festas e cultura para recibir febreiro

Van collendo forma as fins de semana na Costa da Morte. Xa notamos que as actividades van crecendo, e estes 31 de xaneiro e 1 e 2 de febreiro xa teremos cousas que facer. Festas, teatro, feiras, presentacións de varias publicacións, copeteo...

Pero antes de repasar as citas, traemos o parte meteorolóxico da man de Carlos Balseiro, de 4gotas.com:
A fin de semana volverá a estar marcada polo paso dunha fronte fría. Ademais de chuvia e vento, ao seu paso provocará unha baixada das temperaturas, pero tamén limpará a cantidade de humidade que temos o venres.
Falando do venres, virá marcado pola presenza de orballos e nubes moi baixas. Na tarde aumentará o vento do sudoeste e na tardiña chegarán as chuvias da fronte. Choverá arreo ata a medianoite.
A partir de aí, comezaremos a notar unha baixada das temperaturas. O sábado será frío con vento forte do oeste toda a xornada e irán entrando chuvascos. Non choverá seguido, pero algún deses chuvascos será forte e posiblemente con algunha saraibada.
O domingo eses chuvascos serán moito máis espallados no tempo, pero na tarde volverá a arreciar o vento do sur e na noite volverán a chegar chuvias doutra fronte.
Moita precaución no mar!!! As ondas o sábado e principio do domingo superarán os 8m na Costa (9-10 mar adentro) e cando calme un pouco ese mar de fondo (o domingo pola tarde) volverá a arreciar o vento con puntas de Forza9 do sur na noitiña do domingo.


E arrincamos xa ca sesión vermú do venres das Festas de San Antonio da Devesa de Carnés, en Vimianzo, que nos deixarán tamén unha espectacular verbena.
E se preferimos unha cita a cuberto, en Cee teremos o monólogo de Rony.

O sábado comezaremos coa ExpoVoda de Carballo, con 2 días para tomar nota das últimas tendencias. De sesión vermú toca ir agora ata as Festas de San Blas de Xaviña, en Camariñas, que ademais nos deixará unha verbena coa París de Noia.
A tarde será cultural. En Ponteceso terá lugar a Presentación da Revista Thaumazein, que está a vertebrar a Costa a través do pensamento.
Completa a fin de semana en Muros, coa presentación de dous libros, a do "Ser Galego" de Antonio Rey, e máis a do "Mar de Paixón", do malpicán futboleiro Luís E. Porto. E aproveitando podedes pasar pola Exposición das Cantargrafías de Rosalía no Pozo do Cachón.
E podemos aproveitar e ficar a ver que tal funciona a Noite de Copas&Tapas que artellan os establecimentos da nova ruta de Copas O Atallo do Muxo.

Xa para o domingo, máis expoVoda Carballo, ou a celebración do Días dos Humidais en Seavia, Coristanco, con Senda Nova. E pola tarde arrincan os Venres Culturais carballeses cun expectáculo de maxia, e pola tarde-noite comeza "O Mes do Teatro" nos domingos de Vimianz con Mofa e Befa.

Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).