#AxendaCostadaMorte: Fin de semana de amor, concertos e teatro
Nova fin de semana venteada na Costa da Morte, pero que non impide que a música e o teatro, ademais do romanticismo no Día dos Namorados invadan a bisbarra. Pero antes, analizamos un novo parte meteorolóxico pasado por auga da man de 4gotas.com, cunha nova borrasca que provoca a anulación de todas as actividades ao aire libre para o venres.
Ulla "naceu" tras un proceso de cicloxénese explosiva, e está a aproximarse a Galicia. O seu centro non pasará por riba nosa (coma no caso de Stephanie), senón a uns 400km ao noroeste de Fisterra (algo máis lonxe que Qumaira, a borrasca que no pasado xoves deixou moito vento todo o día).
Ulla deixará na madrugada e na mañá do venres vento moi forte do suroeste, con refachos que superarán os 120km/h e con Forza 9-10 no mar. Deixará chuvias intermitentes todo o venres, algunha delas, especialmente ao mediodía de caracter forte e mesmo con algunha treboada.
Tralo paso de Ulla aumentará o mar e na tardiña do venres e no sábado haberá ondas de 7-8 metros en mar aberto baixando o domingo ata os 5.
O sábado será un día frío e quedarán chuvascos, algún deles con saraiba, especialmente no final da mañá.
O domingo será un día máis tranquilo, só con algunha chuvia moi feble na madrugada e primeiras horas do día que se repetirán contra a noite, pero que deixarán un mediodía e unha tarde sen chuvias e mesmo con bastantes claro.
E comezamos o repaso cultural cunha noite de venres 14 de febreiro tremendamente amorosa e musical, con ata 4 concertos. Teremos Concerto folk en Carballo, outro concerto máis pop tamén en Carballo, un tributo a Sabina en Sardiñeiro, e mais un Concerto Acústica en Corcubión.
Para o sábado teremos unha combinación de teatro no sur e música no norte. Por Muros poderemos disfrutar da obra Pelos na Lingua de Talía Teatro. E mentres en Carballo teremos dúas novas citas musicais, co Concerto de Bourbon Queen e mais o concerto dos Fillos do Estramonio.
Xa en domingo, varias citas importantes, comezando pola tarde co Festival Benéfico de Adisbismur na Picota, continuando coa actuación de Talía Teatro en Carballo, e rematando ca sesión dominical vimiancesa con Malasombra Teatro.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).