Carballo prepara os seus Contos de Taberna
Que concepto tan fantástico veñen de recuperar dende o Concello de Carballo. A iniciativa “Contos de Taberna”, servirá para dinamizar a vida hostaleira da vila, ao tempo que fomenta a lectura e a creatividade.
27 escritores e artistas da zona teñen preparado unha serie de textos ilustrados, que entre o 23 de abril, Día do Libro, e o 17 de maio, Día das Letras, van ser entregados nun total de 14 locais, nesta iniciativa enmarcada dentro do programa "Quedamos en Carballo" da Concellaría de Promoción Económica, e artellada polos Departamentos de Turismo Carballo e Normalización Lingüística.
Como participar
Para coleccionar estes relatos, os carballeses e carballesas deberán realizar unha consumición mínima de 15 euros nas tabernas e tascas; ou consumir tres almorzos (a través dun bono que se irá cuñando) nalgunha das cafetarías participantes. Terán dereito entón a recibir un destes relatos, nun formato especial, para poder coleccionalos. Para quen consigan os 14, está reservada unha presentación cunha caixa para poder gardalos todos. Ademais, para dinamizar a iniciativa, a partir do 29 de abril cada local participante acollerá unha presentación do seu relato coa participación do autor/a e ilustrador/a correspondente.
Os artistas e os locais
Os locais e artistas participantes son os seguintes: Ágora con relato de Henrique Mariño e ilustración de Mon Lendoiro; A Bombonera con relato de Xosé Antonio Andrade e ilustración de Roberta Venanzi; A Cabaña, con relato de Rosalía Fernández Rial e imaxe de Eva Facal; A Cova, cun conto de Cristina Abelleira e ilustración de Paula Freire; A de Pako, con relato de Mercedes Queixas e ilustración de Antonio Taracido; A Pedra, con relato de Paco Souto e ilustración de Emi de las Heras; Abastos, con conto de Santi Garrido e imaxe de Cristina Castro; Ánfora, con relato de Ramón Vilar Landeira e ilustración de Antonio Reino; Café Cervantes, cun relato de Ignacio Silva e ilustración de Santi Picos; Café Valle Inclán, con conto de Alberto Varela Ferreiro e ilustración do propio Alberto Varela Ferreiro; Kasa Klandestino con relato de Xurxo Borrazás e imaxe de Milagros Cotelo; Mesón do Pulpo, cunha historia de Fernando Cabeza Quiles e imaxe de Pedro Tasende; O Mexillón, con relato de Beatriz Fraga e imaxe de Lidia; e por último O Pescador, con relato de María Canosa e imaxe de O'Mighelo.
Novas relacionadas
- Carballo prepara a cámara para convertirse na Sundance das webseries.
- 20 carballeses pasan de alumnos a artistas de gravado.
Fonte
- Departamentos de Turismo Carballo e Normalización Lingüística.